A escritora le hoxe o pregón das festas da Peregrina, unha semana grande na que destaca que a cidade «abre as portas para que entre aire descoñecido»
08 ago 2009 . Actualizado a las 02:00 h.María Conde De nena, Fina Casalderrey chegou a crer que os escritores vivían «nun Olimpo inalcanzable». Nin soñaba con que algún día podería emulalos e incluso pensaba que «había que estar morto para ser escritor, porque só nos falaba dos que xa morreran». Soltouse primeiro cando empezou a dar clases, aos 19 anos, e ideaba obras de teatro para que as representasen os seus alumnos. E moito antes, di, «como todos», probou con «eses poemas de amizade ou de amor imposible». Pero nin sequera foi dela de quen partiu a idea de publicar. Tiña 40 anos e un amigo suxeriullo. Decidiu entón entregar o orixinal de Mutacións xenéticas, pero non quixo nin miralos á cara aos da editorial, e deixou o libro na librería Michelena. Unha semana máis tarde chamárona para anunciarlle que ían publicalo.
«Así que eu, sempre o digo, como Cabanillas, e antes que Saramago, que aínda publicou máis tarde», ri. E ata cando pouco tempo despois a chamaron doutra editorial para decirlle que o ían traducir ao catalán, pensou que lle estaban gastando unha broma. «Por teléfono debín parecerlles parva».
Despois da citada obra, chegaron algunhas máis ata que en 1996 recibiu o espaldarazo definitivo, o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil. Un galardón que recoñece que «serviu para abrir portas con máis facilidade ás traducións» e tamén para que lle empezasen a chegar traballos por encargo, algo que cando comenzou dicía que nunca faría. «Sigo sendo de arroutadas -explica- pero tamén aprendín que é moito máis difícil e un reto se che din que fagas algo. Por exemplo pasóume co libro de seguridade vial que me encargou o Concello. Tiña que facer unha novela metendo todas as normas de seguridade vial, e comprimir todo nunha historia para rapaces que parecese sedutora, con misterio. E se a xente non o nota, pois é que tes algo de oficio».
Pero se nun lugar comenzou a desbordarse a imaxinación desta pontevedresa é en Lérez. Nos claustros do mosteiro, Fina Casalderrey asegura que a vista desde San Salvador podería ser a mesma «coa que o demo tenta a Xesús nesa pasaxe bíblica». E de feito, recoñece que o río que se pode ver desde eles «está presente en moitas das cousas que escribo». «Aquí está a miña escola do fantástico», asegura. De nena, «cando todos eramos católicos a narices», fixo no mosteiro a súa primeira comunión. Alí tamén se casou e desde o lugar pode ver a súa casa, a da súa nai e a da súa irmá. «Podo mirar cara á Pontevedra, e aínda que non a vexa, o que máis me namora da cidade, é a súa zona monumental», apunta.
As festas
Tamén lle quedaron gravadas aquelas esceas de festa cada 6 de agosto, San Salvador, «nas que eramos a mesma xuventude, coas mesmas gañas de divertirnos, de rir, de ligar, aínda que lle chamásemos doutra maneira». «Hoxe a festa evolucionou, participa menos xente, porque a xuventude -hai que entendelo e respetalo- ten outras maneiras de divertirse, só que antes era unha diversión sá e gratis, non precisabas vir con cartos e pasábalo pipa», lembra.
Ás festas da Peregrina adoitaba baixar e, aínda que agora pasa de largo, encantáballe pararse nas casetas de tiro e probar puntería, «a única caza que me gusta». Hoxe asume «con satisfacción e orgullo» o papel de pregoeira. «No momento tamén pensei -engade-: ¿Saberei facelo bonito, transmitir o que levo dentro sen finxir de Pontevedra? Porque non teño que ir a documentarme correndo para falar de cousas de Pontevedra, levo, e é unha sorte, case 58 anos documentándome». O seu discurso terá algo de viaxe literaria pola cidade, pero non quere esquecer a festa: «Eu son da aldea e doulle moito mérito a esa diversión gratuíta onde podemos misturarnos todos, mineiros e ministros». Da semana grande tamén lle gusta sentirse absorbida polo bullicio «e divírteme sentarme nas prazas e mirar a ver se encontro unha mesa baleira, é como un achádego». «Eses días ves caras descoñecidas, pintas diferentes-sinala-. Pontevedra é pequena, abárcala, pero estes días abárcala un pouquiño menos. Está ben sentir que se abren as portas e entra aire descoñecido».
Este ano, despois dos primeiros días da Peregrina, irá de vacacións coa súa familia. «Quero descansar», subliña. E insiste en que os escritores «non somos tan distintos aos demais, temos as mesmas preocupacións mundanas que as demais persoas». Ese «pé na realidade» está presente nos seus libros para os novos. O acoso escolar ou a violencia de xénero son algúns dos temas que tocou nos seus títulos, aínda que está presente tamén o realismo máxico e a fantasía. «Non é que queira adoctrinar a ninguén, pero creo que desde a literatura, a forza da palabra, tamén se poden reivindicar cousas; non se pode cambiar o mundo, pero si remerxer conciencias», indica.
Entre o que axuda a construír o seu universo narrativo está o seu traballo como docente, antes en Primaria e agora en Secundaria. «Os pequenos son encantadores -di-. Crente Deus, escriben cousas como 'Profe, quérote' ou tráenche unha flor. E os maiores tamén teñen o seu corazonciño. Quizais sexa máis difícil chegarlles, pero se lles chegas, non creas que estas idades non podes atopar un día nun buzón de San Valentín unha carta. Téñoa gardada como unha reliquia». Ela pode presumir de ser unha das escritoras máis lidas e queridas polos lectores máis novos en Galicia, e por eles recibiu este ano o Premio Sarmiento. E é unha das tres finalistas do premio H Internacional, que se fallará en Cartaxena no 2010. Nestes tempos de crise, non entende que se diga que un libro é caro: «¿Ti sabes todas as horas e o custo que significa facelo?».