O tren Caixanova comezou onte a súa andaina para fomentar o uso do galego entre os nenos. Cargado de rapaces de entre 5 e 8 anos, dos colexios de Xeve, Cabanas, Doroteas e Sagrado Corazón, viaxou entre Pontevedra e Vigo no primeiro percorrido deste curso. Na estación, os pequenos viaxeiros,-moitos deles non subiran nunca ao tren- foron recibidos pola concelleira de Cultura, Lola Dopico, a escritora Luisa Blanco e responsables de Renfe e Caixanova, como Justo Saro Pérez e Antonio Gómez Rivera. Antes da partida, Luisa Blanco relatou aos pequenos a súa primeira viaxe en tren, que describiu como «marabillosa». Foi hai uns cantos anos, con motivo dun partido de fútbol de rivalidade, entre o Pontevedra e o Ourense. Daquela, a viaxe dende a cidade das Burgas era bastante máis longo que agora, e «mentres os homes foran ao partido, as mulleres e os rapaces estivemos paseando por Pontevedra». Xa máis recentemente tivo a oportunidade de viaxar cos seus netos dende León -«xogamos ás cartas, limos e vimos a paisaxe»- e animou aos rapaces a que miraran polas fiestras e contemplaran o espectáculo, «tan distintos ao que se ve dende o coche». Pallasos, contacontos e grupos de animación fixeron as delicias dos pequenos e os acompañaron ata a cidade olívica neste tren da lingua no que non houbo tempo para o aburrimento, senón que se fixeron moitas actividades para incentivar aos máis pequenos a expresarse na lingua galega. Caixanova organizou 53 viaxes en ferrocarril que se desenvolverán ata xuño entre as principais cidades galegas, coa participación de escritores en lingua galega no primeiro percorrido que saia de cada unha das estacións elixidas. En total 1.200 cativos participarán neste programa, que supón para moitos o seu bautismo neste medio de locomoción.