A compañía coruñesa Entremáns presenta esta noite no Pazo da Cultura, a partir das 21 horas, o espectáculo de danza Concerto desconcerto, unha coreografía que conta co apoio de Mercedes Peón na creación do espazo sonoro.
Alexis Fernández, Kirenia Martínez, Amando Marten e Caterina Varela compoñen o elenco desta montaxe na que prima o discurso persoal e a experiencia de cada un dos intérpretes. Precisamente Alexis Fernández asume a dirección artística, a dramaturxia e a concepción escénica, coa asistencia de Kirenia Martínez.
O espectáculo está enmarcado no ciclo Pontevedra escénica en nel, unha aposta polas novas linguaxes escénicas. Nel, a compañía investiga o son dos xestos cotiáns para crear unha peza na que o espazo é un eixo fundamental.
A montaxe pertenece ao programa de coproducións a través do que o Centro Coreográfico Galego apoioa proxectos de danza de iniciativas profesionais independentes e de empresas de titularidade privada. A obra foi estreada o pasado 23 de xaneiro no Centro Cívico Cultural de Arteixo.
O proceso de traballo desenvolveuse a partir de diferentes propostas personais que naceron de diferentes motivacións, tales como unha pintura, unha música, un texto, un vestiario, unha pauta física concreta ou un elemento escenográfico. A improvisación foi unha ferramenta clave na creación dun espectáculo no que os movementos tíranse da experiencia persoal de cada un dos intérpretes.
Compañía nova
Entremans é unha compañía de recente creación, en abril de 2006, o que non impide que ter un equipo cunha ampla experiencia na danza contemporánea. Ana Beatriz Pérez Enríquez, Kirenia Martínez Acosta, Armando Martén Caballero e Alexis Fernández Ferrera, fundadores e principais bailaríns, son todos de orixe cubana pero levan varios anos traballando para diferentes compañías galegas.
Conta con numerosos premios, como o primeiro no Certame de Creación Coreográfica de galicia no 2006, por En la cuenca de tus ojos, co que tamén gañou o Certame Internacional de Burgos-New York no mesmo ano, e o primeiro do público do Certame Coreográfico de Madrid no pasado ano, con Ven.
O prezo das entradas para o Concerto desconcerto é de 8 euros e pódense mercar desde dúas horas antes do comezo da función, no despacho de billetes do Pazo da Cultura. Os estudantes, parados e xubilados terán un desconto da metade.
O seguinte espectáculo de Pontevedra escénica será Purgatorio, de Pistacatro Produtora de Soños, un espectáculo que combina novo circo, teatro, música e danza. As entradas xa están á venda na billeteira electrónica a través do teléfono 902 504 500 ou na web www.caixanova.es.