María do Ceo, estrela da gala Síndrome de Down

Chelo Lago

PONTEVEDRA

06 ene 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Como cada ano, e xa van doce, o vindeiro venres, día 9, celébrase no Pazo da Cultura, a gala benéfica Síndrome de Down, organizada pola asociación Xuntos, que preside Manuel Pérez Cabo.

Entre os numerosos artistas que contribúen gratuitamente a este evento figura a artista portuguesa afincada en Galicia, María do Ceo, cantante que está de xira para presentar o seu último disco No bico un cantar.

Pero non é a única cara coñecida entre os participantes na gala, que será do máis variado. Así, Víctor Fábregas, un dos integrantes do popular e famoso grupo humorístico Os Tonechos, estará tamén nesta gala, que contará ademais coa maxia do mago Teto. Tamén figura no show o humorista pontevedrés Fredi Crujer. No apartado musical dende Xuntos queren agradecer especialmente a participación da Orquestra Pontevedra, co seu vocalista Ángel Barry, «alma e corpo na organización deste espectáculo», como ben sendo habitual.

Completan o cartel o grupo de vento e metal Quinteto Age of Bras, e a viguesa Eva Carreras, concursante de Operación Triunfo no ano 2006, xunto a Arancha Rodríguez, a rapaza de Monte Porreiro segunda finalista do programa Tienes Talento da cadea Cuatro de Televisión.

E como actuación especial, participarán nenos e mozos da Asociación Xuntos, con varias actuacións.

Os organizadores mostraron tamén o seu agradecemento á empresa Espectáculos Lito, por permitir a participación desinteresada dalgúns dos artistas que representa, ademais da utilización dos medios técnicos precisos para o normal desenvolvemento do espectáculo.

Venda de entradas

A celebración deste festival supón un importante aporte económico para seguir levando a cabo moitas actividades da asociación, que ten aberta a venda anticipada de localidades na asociación Xuntos, na rúa Cobián Roffignac, 9, segundo; perfumería Tito de la Peña e quiosco Manolo da rúa Oliva, e na tenda rastro Xuntos, na rúa de San Xosé.

Tamén se poderán mercar no propio Pazo da Cultura, nas horas previas ao espectáculo. O prezo é de 4 euros os nenos, e 8 os adultos.