Aída convírtese en Harriet

PONTEVEDRA

A televisiva Carmen Machi intrepreta esta noite a obra «La tortuga de Darwin» na sede de Caixanova

02 dic 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Esta noite, ás 21.00 horas, a cidade do Lérez recibirá a unha das actrices máis famosas do panorama televisivo actual. Quizais o seu nome, Carmen Machi, pase desapercibido. En cambio, a súa personaxe, Aída, cando menos, fará que moitos lectores esbocen un sorriso. Os fans desta entrañable artista están en hora boa porque esta noite visita o centro social de Caixanova para interpretar a o papel da anciana Harriet, na obra La tortuga de Darwin, baseada nun texto do Premio Nacional de Teatro, Juan Mayorga, e dirixida por Ernesto Caballero. Machi decántase agora polo teatro despois de vivir os éxitos das populares series Siete Vidas e Aída. Un dos motivos é esta obra teatral que está representado por todo o país e que agora chega a Pontevedra.

A historia do devastador século XX é o tema principal desta montaxe, unha suxerente fábula na que se observan influencias de Kafka, Ionesco e Bulgakov. Harriet, a tortuga bicentenaria que estudara o autor de A orixe das especies, fainos emprender unha vertixinosa viaxe polo espazo e o tempo para instalarnos noutro ámbito, onde resulta doado contemplar os condesados, múltiples e determinantes acontecementos. A peza, dirixida por Ernesto Caballero, receptor de galardóns como o Premio José Luis Alonso, contará coa presenza de actores como Vicente Díez, Susana Hernández e Juan Carlos Talavera.