O fillo abriulle as portas da Banda Xuvenil de Barro ao seu pai e agora son compañeiros do vento metal, Cristian coa frauta traveseira e Alfonso co saxo
17 ago 2008 . Actualizado a las 02:00 h.¿Qué terá a música que é quen de unir a pais e fillos arredor dunha partitura para convertelos en compañeiros de fatigas? En Barro hai un caso paradigmático. Alfonso toca o saxo tenor e o seu fillo a frauta traveseira. Senón fora porque se levan 23 anos un ao outro e porque un deles aínda non ten barba, ninguén diría que non son dous amigos que adican o seu tempo e o seu ocio a tocar na Banda Xuvenil de Barro.
Lévanse ben e presumen de que o primeiro día que coincidiron na agrupación o pai era o máis vello e Cristian o máis novo da banda, aínda que foi el o anfitrión do seu proxenitor no grupo.
O pequeno da saga musical dos Búa ten só catorce anos, pero leva «dende os seis indo a clases e dende os oito saíndo a tocar». E é que Cristian e xa un frautista traveseiro convencido. «Ao principio non era o que máis me gustaba, o que pasa é que agora xa non o cambio por nada», advirte.
Pola súa banda, o seu pai tivo uns comezos ben distintos. Declárase «autodidacta» en moitas parcelas da música xa que «antes non había conservatorios como agora. O que había eran profesores que ensinaban un pouco de cada instrumento». Nembargante, o saxofonista da familia non sempre tirou por este instrumento. Os seus primeiros pasos no mundo da música afeccionada estiveron detrás do trebello predilecto de Woody Allen, o clarinete. Di que leva vinte anos «soprando» pola boquilla e ten pinta de que seguirá «moitos anos máis».
Por si isto fose pouco, Tania, a máis pequena da casa, (a segunda filla de Alfonso), tamén ten aires de artista: «A gran diferenza con nós -sinala o orgulloso pai- é que ela tira máis pola carreira de cantante».
Parte importante da banda
En Barro contan cos Búa para todo. Son dous dos máis fieis da agrupación. Deses que non perden actuación algunha. O núcleo duro confórmano medio centenar de membros, aínda que cando hai concertos importantes, o número pode ascender ata os setenta compoñentes.
Confesa o pequeno da estirpe que «o máis complicado non é tocar mentres vas andando, o realmente difícil é ir costa arriba e soprando».
O seu pai, sen embargo, moito máis corpulento, bota en falta aqueles longos paseos musicais. «Antes andábase moito máis nas foliadas e nas romarías», lembra. Precisamente Alfonso emprega un instrumento con solera. Cando se lle pregunta pola vida do seu vello compañeiro de batallas bromea dicindo que «o maior da familia é o saxo, que ten tres anos máis ca mín».
Á hora de mostrar as diferencias no gusto polo repertorio da banda, a postura do pai é moito máis profunda, por aquelo dos anos. Bota en falta Alfonso «máis música tradicional, para que a xente maior poida escoitar as pezas que coñece». Isto explícase tendo en conta que tanto na banda de Barro como en moitas outras, a modernidade e a globalización deron paso a repertorios mestizados e salpimentados polos diferentes influxos culturais.
Currículos de campións
Aínda que a banda de Barro é «xuvenil» non lle ten porqué envexar nada a moitas outras agrupacións máis grandes, máis veteranas ou máis lonxevas.
No seu currículo aparecen xa condecoracións como o primeiro premio con mención de honra no certame de bandas populares de Galicia (gañado en Santiago), ou o primeiro premio, tamén con mención de honra, no festival de bandas populares de Pontevedra o ano pasado.
Pero se de algo se pode presumir é do segundo premio no certame internacional de Valencia (ano 2004) ou a cita, nese mesmo ano, de Burgos, na que a agrupación de Barro acadou o terceiro premio do podio.