A tradición mariñeira e a captura de marisco na flota de baixura é o nexo de unión entre as dúas últimas xeracións da familia González de Vilaboa
29 jun 2008 . Actualizado a las 02:00 h.A canción dicía aquelo de «háblame del mar, marinero» e iso é precisamente o que se fai na familia de José e Jesús. O pequeno é un novo eslabón da tradición ancestral da casa. Un novo «lobo de mar». Pola súa banda, o pai, rudo mariño de toda a vida, é agora o presidente da Asociación de Mariscadoras Pedra da Oliveira e xuntos comparten oficio, traballo, experiencias e anécdotas.
Contan que a bisavoa, Salud, «era unha das mellores mariscadoras que había» e como de casta lle ten que vir ó galgo, obviamente os seus herdeiros saíron aprendidos.
O primeiro contacto que tivo José co mundo do marisqueo foi ós oito anos. Eran outros tempos e a vida era daquela moi diferente. Por iso recorda que «cada vez que había un anaco ibamos a coller caramuxos para vendelos e gañar unhas pesetas. Aí empezou a miña vida mariñeira». O seu fillo non apurou tanto para mollar os pes. Debutou nestas tarefas ós 16 anos e aclara que «primeiro foi un traballo só para o verán, ainda que hoxe en día é xa toda unha forma de vida».
José rememora a súa mocidade subido a un barco. «Ós 17 anos marchei en tren para Amsterdam. Tardei dúas noites e un día enteiro ata París e de aí a Holanda», di con orgullo. Nos Países Baixos comenzou unha carreira que o levaría por a meirande parte do planeta. Dende o Mediterráneo ata o Norte de Europa. Dende o Altántico ata o Pacífico e dende a chalupa máis modesta ata os grandes barcos mercantes. Así é o currículum de José.
Camiños diferentes
O fillo clava a ollada no seu proxenitor, moi atento, pero asegura que «de momento nin me plantexo saír a faenar en altura». Jesús adícase a coller ameixas e berberechos e polo de agora non ten planificado mudar o seu obxectivo de capturas.
En Santa Cristina vívese ben, pero poderíase vivir mellor. A crise déixase notar, sobre todo a do petróleo, e como soe acontecer, non hai nada mellor que preguntarlle ós que máis saben. «O que habería que facer -explica José- é limpar os fondos, sanear a ría e recuperar os bancos de capturas para non ter que ir tan lonxe a coller mercancía. Así non se gastaría tanto gasóleo». Por certo que estes mariñeiros pagan o mesmo prezo que os automovilistas polo seu carburante.
Diario de a bordo
As veces os grandes cronistas pagarían todos os cartos do mundo por teren anotado cada viaxe, cada sentimento e cada día das aventuras dos seus protagonistas. Algúns, coma José, poden presumir de telo feito. O presidente das mariscadoras de Vilaboa redactou en alta mar un diario no que logrou plasmar o día a día lonxe de casa. «O período máis longo que estiven embarcado foron dous anos, dende o ano 1966 ó 1968», asegura melancólicamente. Ós mariñeiros gústanlle eses momentos de soidade en medio da inmensidade do océano. En contra do que moitos poderían pensar, o que máis lle atrae a este intrépido mariño é «o mal tempo para navegar». El, que sabe disfrutar no medio dun temporal, escolle como momento máis delicado da súa experiencia vital aquela viaxe dende Amsterdam a Guatemala no que «as ondas eran de vinte ou trinta metros, e a chuvia e o vento eran parte da paisaxe». Di o propio protagonista que «tardamos 18 días en facer unha viaxe que era de 12 xornadas».
O xoven Jesús todavía non ten tantas marcas, nin na expresión nin no pasaporte, pero ten claro que o seu pai defende que «volvería a embarcar en Holanda hoxe mesmo, ainda que fose gratis, para ver si cambiaron as cousas».