A comarca homenaxea ao escritor Álvarez Blázquez

La Voz

PONTEVEDRA

A comarca de Pontevedra celebra hoxe o Día das Letras Galegas con numerosas actividades en recordo de Xosé Manuel Álvarez Blázquez, a quen se lle dedica a xornada, e un chamamento a prol do idioma.

En Pontevedra, Concello e diversas asociacións culturais e veciñais prepararon un amplo programa para toda a xornada. A partir das 12 horas, na praza da Ferrería, comezarán distintos obradoiros para nenos, que farán separadores para libros cos poemas e debuxos de Álvarez Blázquez e na praza da Verdura, a mesma hora, será a Festa da Lingua da Revira, con pasarrúas do grupo Extraperlo e a actuación do grupo de rock From Hell. Logo chegará o actor Miro Magariños, que fará un espectáculo de animación ao que seguirá un recital poético. Tamén está prevista a actividade libros viaxeiros e ás 14.30, nos soportais da Casa da Luz, haberá un xantar con poesía en vivo.

O acto popular de homenaxe a Xosé María Álvarez Blázquez chega da man da Asociación Socio Cultural O Burgo, como é tradición, e será a pola tarde, a partires das 20 horas, na praza de Curros Enríquez. Alí haberá unha alfombra floral que desde a mañá confeccionarán membros de dita asociación. O acto consistirá na lectura de poemas e a intervención da coral da devandita asociación, que interpretará cancións galegas, pechando o acto a Banda de Música.

Outra banda da cidade, neste caso a de Salcedo, ofrece un concerto no Teatro Principal, ás 20.30 horas. baixo a batuta de Fernando Raña Barreiro, a banda interpretará pezas de Soutullo, David Fiuza, Xosé Luis represas, Marcial Porto, García Rey e Xosé Manuel Collazo Verde.

E en Ponte Sampaio, festival folclórico na Xunqueira desde as 9 horas.

Cuña Novás

Por outra parte, o Foro Manuel Cuña Novás e a Agrupación Socialista de Pontevedra celebran o Día das Letras Galegas e o décimo sexto aniversario do pasamento do poeta e senador socialista que lle da nome cun acto de lembranza no cemiterio de San Mauro, ás 12 horas. No transcurso do acto, ao que asistirán concelleiros e deputados autonómicos xunto coa a familia, recitaranse poemas do finado

Sanxenxo

Na vila de Sanxenxo, entregaranse os premios do certame de poesía e narrativa en galego, infantil e xuvenil, ás 18 horas, no Círculo Cultural e Deportivo, que contará tamén coa actuación do Coro de Sanxenxo e da Asociación Cultural e Folclórica Abiñadoira. Ademais, na praza de Pascual Veiga, haberá un recital aberto de poesía a partir das 19 horas, xunto coa actuación do cantor Tino Vaz.

Moraña

No municipio de Moraña, música e literatura conxúganse na Casa da Cultural ADR Castelao, coas actuacións das asociacións culturais Chinguilipé e O Arrieiro, xunto coa Banda de Música Nova Lira de Moraña. O espectáculo será a partir das 20 horas, con entrada libre.

A celebración comezará coa entrega dos premios do certame de relato curto Contos da Lareira.