Un ano máis, o incomparable marco do mosteiro de San Benitiño de Lérez é escenario da exposición da camelia organizada pola Asociación Cultural Santísimo Cristo del Consuelo de Lérez, dentro do décimo memorial Antonio Odriozola, estudoso da flor das Rías Baixas, que levaba sempre prendida na solapa da súa chaqueta. Máis de corenta produtores de toda Galicia acudiron coas súas flores a este certame non competitivo, que se abriu onte cunha misa na igrexa de Lérez en recordo do que fora bibliotecario da Misión Biolóxica, Antonio Odriozola.
A mostra floral complétase cunha artística de Estrella Rey, que amosa o seu dominio da acuarela. Tamén figuran fotografías do río Lérez propiedade da Asociación Sociocultural Cedofeita, e outras antigas de Francisco González López de la Ballina que mostra a casa de baños de Monte Porreiro, entre outras.
A mostra pódese visitar hoxe, de 11 a 14 horas e tamén de 17 a 20.30, hora na que se procederá a súa clausura e a entrega de agasallos aos expositores.