Kiosko das almas perdidas é o título da seguinte producción do Centro Coreográfico Galego (CCG), unha peza dirixida polo coreógrafo catalán Roberto Oliván con música en directo de Mercedes Peón, que a compañía representará o vindeiro día 13 ás 21 horas dentro da programación Pontevedra escénica.
Con esta montaxe, o Centro busca a captación de novos espectadores para a danza, a través de novas linguaxes escénicas que mesturan distintas disciplinas e que conectan co público máis novo.
Ao fío desta producción, e co obxectivo de situar a danza dentro da vida cotiá, o CCG impartirá no Pazo da Cultura unha serie de obradoiros gratuítos orientados a todos os públicos. Os días 10, 11 e 12 ás 11 horas desenvolverase un obradoiro dirixido a amas de casa e desempregados que ten como finalidade «bailar gozando das distintas manifestacións da danza contemporánea». E ás 12.30 horas será a quenda dos xubilados, cunha actividade destinada a fomentar a súa curiosidade pola danza contemporánea a través de sinxelos movementos.
Mozos e adultos
Os días 11 e 12 haberá outros tres obradoiros vespertinos. Ás 18 horas terá lugar unha sesión dirixida aos máis cativos e, ás 19.30, outra para o público xuvenil. Finalmente, ás 21 horas celebrarase un taller para adultos.
As actividades teñen unha duración de sesenta minutos e hai un límite de 20 prazas por obradoiro, que se encherán por orde de inscrición. Para maior información, os interesados poden dirixirse ao teléfono do Pazo da Cultura, o 986??833??061.