Este venres inícianse as actividades do programa de lecer alternativo para mozos Noites abertas, que alcanza xa a súa novena edición e que está dirixido a persoas de 12 a 30 anos.
No programa, presentado onte pola concelleira Anxos Riveiro, figuran 48 actividades que se desenvolverán en oito espazos distintos: colexio Froebel, Casa Azul, pavillón multiusos, campo de herba sintética da Xunqueira, pistas de Campolongo, Teatro Principal, centro Méndez Núñez e Casa da Cultura de Monte Porreiro. Como principal novidade está a incorporación de esgrima e a técnica de fútbol á oferta e o reforzo das actividades deportivas por equipos, que teñen unha maior aceptación que as individuais, como comentou Mirian Viñas e Irene Sánchez, coordinadora e directora de actividades, respectivamente.
As actividades están encadradas en cinco apartados: físico-deportivas -skate, campionatos de fútbol 7, esgrima, técnica de fútbol, streching, masaxe e relaxación, pista aberta de fútbol sala e patinaxe-, culturais -cine, bailes latinos, de salón e flamenco, break, danza do ventre, djembé, percusión, grafacólitos, obradoiro de grafito, batuka, festival Jam da Chicharra e viaxe polo mundo cultural de Pontevedra en 5 días-, formativas -modelado con fimo coiro, abelorios e metal; carteiras de cómic, chaveiros e broches de fieltro, bixutería, trenzas e extensións de pelo, obradoiro de plantas de papel, tatoos, papiroflexia, percusión cultural e ruta nocturna-, lúdicas -xogos e manualidades, malabares, xogos de mesa, populares, risoterapia e papiroflexia- e especiais de desenvolvemento persoal -cociña, automaquillaxe, aromaterapia, sexo, entre outras -.
Sorteos
O programa, totalmente gratuíto, comeza o vindeiro venres e remata o 31 de marzo. O horario establecido é entre as 19 horas e as 2 da madrugada dependendo da xornada, sendo máis temprano para os participantes máis novos. Tamén incorpórase este ano actividades en horario matinal, de 10 a 14 horas, para algúns sábados, como una excursión ao bowl de Salvaterra para skaters, e obradoiro de grafito, para o que só se ofertan dez prazas.
Tamén haberá unha saída nocturna polo sendeiro do Gafos.
Ademais, os socios de Noites abertas poderán participar en diversos sorteos de sudaderas do programa e de agasallos doados por establecementos colaboradores, como lotes de libros. Pilar Rodríguez, comercial de Renfe, anunciou tamén o sorteo de 5 viaxes do programa interrail para coñecer países europeos durante 10 días. Serán 3 socios os afortunados, dous cunha viaxe para dúas persoas, e outro, individual. Calquera participante nalgunha actividade pode solicitar o seu carné de socio para poder optar aos sorteos.
Noites abertas ten un orzamento de 99.000 euros, 48.000 aportados polo Concello e 51.000 polo Plan Nacional sobre Drogas do Ministerio de Sanidade.
O pasado ano participaron 4.000 mozos, cunha media de 288 persoas cada fin de semana e a participación vai en aumento en cada convocatoria, segundo subliñou a concelleira Anxos Riveiro.