Xente no Camiño

Chelo Lago

PONTEVEDRA

Alfredo Erias reproduce a Galicia Medieval nunha mostra que se abre mañá no Castelo de Soutomaior

07 feb 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A exposición itinerante Xente no Camiño, chega ao Castelo de Soutomaior despois de percorrer varias cidades de Galicia. Alfredo Eiras Martínez, licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago, arquiveiro bibliotecario do Concello de Betanzos, e director do Museo das Mariñas , e o autor das obras que se amosarán a partir de mañá, día 8, e ata o mes de abril, nese centro dependente da Deputación.

Segundo as súas propias palabras, o autor pretende reproducir a «Galicia Medieval a través dos persoeiros que aparecen en diversos escenarios, principalmente en recintos sacros». Precisamente esta mostra itinerante marca unha nova etapa no seu traballo, posto que unifica tres das súas grandes paixóns, como son o debuxo, a pintura e a historia para adentrarse no universo medieval. E as súas obras baséanse nun dos fundamentos pictóricos por excelencia: o debuxo.

Os 24 cadros, de gran formato e vistoso colorido, que conforman a mostra reproducen personaxes célebres da época, en especial nobres e guerreiros, bispos, donas e cabaleiros, aínda que tamén se poden atopar burgueses, peregrinos, artesáns, cazadores, músicos ou acróbatas e mesmo escenas de festas, ademais de elementos simbólicos e figurativos, mostras de oficios e mesmo alegorías relixiosas ou relacionadas coas máis fervorosas crenzas católicas.

Os cadros inspíranse na iconografía do medievo que Eiras recolleu en Betanzos, Noia, A Coruña, Monfero, Santiago, Melide, Fisterra, Neda, Narón, Sada, Pontedeume e Pontevedra. Precisamente na mostra figura unha obra que reflicte a Paio Gómez Chariño e a súa dona, baseada nos sepulcros da igrexa de San Francisco.

No catálogo da mostra editado pola Deputación de Pontevedra e no que se recollen os cadros expostos a todo color, Marta Méndez, crítica de arte de La Voz de Galicia, subliña que as obras de Alfredo Erias «veñen a ser anaquiños de historia tratados desde un punto de vista único e persoal: o halo misterioso dun baixorrelevo, a simplicidade e inxenuidade dunha escultura medieval ou a última luz que o crepúsculo abandona na superficie dun mar sosegado, son elementos que se repiten unha e outra vez e que constitúen unha pegada inconfundible no seu quefacer artístico».