Un san Martiño moi festeiro

Chelo Lago

PONTEVEDRA

Feira de Outono en Pontevedra, carreiras en Poio e Bueu, música e magostos conforman o programa

10 nov 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

A comarca de Pontevedra celebra con diversos actos a festividade de San Martiño durante toda a fin de semana, na que non faltarán moitos magostos, como os que durante estes días desenvolveronse en moitas escolas.

En Pontevedra, o Concello e o Centro Comercial Urbano Zona Monumental organizaron, un ano máis, a Feira do Outono. Na praza da Verdura, durante toda a xornada de hoxe e a mañá do domingo, haberá un mercado de produtos de outrono e tamén obrdoiros de cestería e manualidades, ademáis de xogos tradicionais para nenos, un magosto e xornadas gastronómicas nos establecementos hosteleiros da zona.

Sen salir da cidade, a Asociación de Veciños Eduardo Pondal, celebra hoxe o seu magosto, festa de exaltación da castaña, coa degustación deste produto e xogos e cantos tradicionais para os cativos. Será a partir das 17.30 horas, no seu local da rúa Otero Pedraio.

En Poio, San Martiño celebra as súas festas patronais cunha misa solemne ás 12 horas na capela do santo. Pola noite, non faltará un magosto popular con castañas e vino gratis, seguido dunha verbena amenizada coas orquestas Magos de España e Agarimo. Unha carpa protexerá aos asistentes a estes festexos. Tamén se celebra hoxe a terceira edición da carreira popular San Martiño, con saída ás 16.30 horas da capela do santo.

E maña, domingo, haberá un pasarrúas a cargo do grupo de gaitas Vides Novas de Poio e logo, ás 12, misa solemne cantada pola Coral de Poio e como remate das festas, actuarán as orquestas Marbella e Milenium.

En Bueu, hoxe comezan tamén as Festas de San Martillo, e para seguir o refraneiro que recolle que polo san Martiño, trompos ao camiño, este xogo estará presente durante a xornada. Nenos e maiores bailarán os trompos desde as 11.30 horas nun torneo para todos os públicos que se celebrará en distintas zonas, como o paseo marítimo, pola Banda do Río e xunto ao asteleiro de ribeira. Pola tarde, a partir das 16.30 horas, haberá outros xogos populares e un magosto no aparcamento da Casa do Mar. Xa pola noite, a partir das 21.30 horas, o grupo local Fainotí quentará o ambiente antes da subida ao escenario do grupo madrileño Alameda de Osoulna.

E o domingo desenvolverase unha carreira pedestre pola mañá. Ás 10.30 horas, concentración de especial Clásicos de Galicia, que contará co primeiro rally de regularidade. Pola tarde, ás 16.30 horas, novos xogos e obradoiros para os rapaces e a partir das 20 horas, verbena cos grupos Marazul e Cidade de Vigo.

E tamén o domingo, pero neste caso no Campo da Festa de Dorrón (Sanxenxo), haberá unha xornada dedicada á cultura tradicional galega. Desde as 10 horas, nenos e maiores poderán xogar á chave, carreiras de sacos, ao trompo, á petanca, á corda, á rá ou cos zancos, entre outros, e disfrutar co obradoiro Os xoguetes esquecidos. E pola tarde, a partir das 16.30 horas, haberá un pasarrúas dos grupos participantes no I Festival Folclórico -Soalleira de Dorrón, Grupo Folclórico e Etnográfico de Lordelo (Portugal), Os Gatiños de Portonovo e Vides Novas de Poio-, que actuarán ás 17 horas no Campo da Festa.