Oito compañías galegas e unha madrileña achegan os seus espectáculos ata fin de ano
27 sep 2007 . Actualizado a las 02:00 h.O ciclo Outono Teatro 2007 do Concello traerá ata Pontevedra a oito compañías galegas e unha madrileña para ofrecer as súas montaxes. A concelleira de Cultura, Lola Dopico, e as actrices Sonia Rúa e Casilda García Alfaro, que participaron na presentación do ciclo, subliñaron o equilibrio da programación na que se combinan obras clásicas e modernas, drama e comedia e ata danza ou performance.
As representacións comezan o 29 de setembro e rematan o 20 de decembro, e serán no Teatro Principal. Abre o ciclo, que este ano alcanza a súa quinta edición, Teatro de Ningures, coa obra Emigrados, unha historia múltiple que constitúe un mosaico de pezas de distintos autores. Logo, o 5 de outubro, será a compañía santiaguesa Nut a encargada de pór en escena Corpos disidentes, un espectáculo que mistura distintas linguaxes artísticas como a performance, o teatro, a danza e o audiovisual.
Tamén en outubro, o día 17, Teatro do Noroeste chega a cidade con Romeo e Xulieta, un texto clásico pero cunha versión moderna e actualizada. E o 25 de outubro tócalle a quenda a Skene coa obra Asamblea das mulleres, unha divertida comedia do dramaturgo Aristófanes.
No mes de novembro haberá outras tres representacións, os días 14, 21 e 29, a cargo, respectivamente, das compañías Lagarta, Lagarta, Teatro do Morcego e Teatro do Adro.
A primeira achégase con As últimas lúas, unha obra de teatro divertido e comprometido, cun forte compromiso humano e social. Teatro do Morcego presenta O burgués fidalgo, de Moliere, pero cunha visión máis contemporánea, con actores e músicos que recuperan a partitura orixinal de Lully composta para o dramaturgo francés. E Teatro do Adro representa García, un home que leva preso 17 anos no soto dun castelo.
O ciclo remata coas dúas obras previstas para o mes de decembro: Los desastres del dinero, de Carlos Borsani, o día 13, e Noite de Reis, ou o que queirades, a cargo do Centro Dramático Galego.
A primeira é unha sucesión de historias cotidianas de carácter humorístico que vira ao redor dos cartos, mentres que a segunda arranca cun naufraxio no que se ven envoltos dous irmáns xemelgos.
Os prezos das funcións, que están fixadas para ás 20.30 horas, son de 5 euros, e 3 para estudantes, parados e xubilados, agás a representación de Romeo e Xulieta, na que nos prezos serán de 8 e 4 euros. Ademais, como novidade deste ano haberá venta anticipada de entradas en Caixanova, pudendo adquirirse xa a partir de hoxe, no teléfono 902 504 500 ou na web www.caixanova.es.
Dentro deste Outono Teatro tamén se organiza unha programación específica orientada aos centros educativos de ESO e Bacharelato de centros de Pontevedra e da comarca. Os alumnos poderán ver Romeo e Xulieta o 17 de outubro e A asemblea de mulleres o 26 do mesmo mes. En novembro, poderán disfrutar con As últimas lúas, o día 15; O burgués fidalgo, o 22 e García, o 30. E para rematar, Los desastres del dinero, o 14 de decembro, e Noite de Reis ou o que queirades, o 20 de Nadal.
Neste caso, o aforo estará concertado cos centros escolares e as funcións serán ás 11.30 horas. A entrada custará 2,5 euros. As representación levaranse a cabo no Teatro Principal, agás a do Centro Dramático Galego que será no Pazo da Cultura.