Outra viaxe é posible

María Conde PONTEVEDRA

PONTEVEDRA

Cooperación | Verán solidario Desde hai nove anos, Solidariedade Internacional promove unhas vacacións nas que o concepto de descanso substitúese pola sensibilización social ?

15 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

«Que fotografía queres traerte das túas vacacións este verán?». A promoción da novena edición de Vacacións solidarias enfronta imaxes ben distintas, a do destino de sol e praia nun enclave masificado, ou a dunha experiencia de cooperación en lugares onde é case unha miragre dispor de auga corrente. «Non hai maior sensibilización que a de alguén que poida vivir unha experiencia deste tipo», sinala Alberto García Cerviño, presidente da oenegué Solidariedade Internacional, quen destaca que a maioría dos participantes na iniciativa «ten un sentimento de recibir algo máis do que achegou». O prazo para inscribirse no programa -as prazas son limitadas, 65 en toda Galicia, das que quince corresponderán á comarca pontevedresa- xa está aberto e as condicións poden consultarse na web www.solidaridadgalicia.org. Este ano, os voluntarios poden optar a un novo destino, na Paz (Bolivia), onde poderán colaborar nos proxectos desenvolvidos por SI na zona, e que se une aos de Cuzco (Perú), Madriz (Nicaragua), Nebaj e Quetzaltenango (Guatemala), Saraguro (Ecuador), Gracias (Fonduras) ou Tinduf (Sahara). ?Entre as posibilidades que ofrecen estas Vacacións solidarias, que se desenvolverán entre xullo e outubro, está a de colaborar cos indíxenas itxiles nun proxecto de ecoturismo en Nebaj ou cos de Saraguro en proxectos agrícolas, ademais de coñecer de cerca a realidade do pobo saharauí visitando diferentes wilayas (campamentos) ou o muro que constrúe Marrocos. Maioría femenina García Cerviño explica que a gran maioría dos participantes nestas vacacións son mulleres, case un 80% nas oito edicións anteriores: «Creo que é porque son máis atrevidas, xa que na maior parte dos casos aquí os participantes viaxan sos». E entre os colectivos que en maior medida demándano están os profesores, quizais pola maior dispoñibilidade de tempo libre no verán. Tampouco hai límite de idade, van desde pais e fillos ata avós. Todos eles teñen que pagar unha cantidade que inclúe o billete de avión, seguro de viaxe, manutención, aloxamento e materiais para formación. Os prezos oscilan entre os 995 euros da viaxe a este último destino e os 1.790 a Honduras. «Cada vez énos máis difícil polo mercado das compañías aéreas, que encarecen cada vez máis os billetes -comenta Cerviño-. Este ano son máis caros que no 2006». Un requisito: os voluntarios débense facer socios da oenegué se queren optar a este distinto modelo de vacacións.