Reportaxe | Prevención de incendios forestais Trece escolas da provincia participan nuns obradoiros de prevención dos incendios forestais organizados por Caixa Galicia, que fai uns días iniciou a prantación de carballos
07 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.Se o pasado día 20 de abril membros do clube de maiores de Caixa Galicia participaron na prantación simbólica de carballos na Illa de Esculturas como o principio dunha iniciativa que levará a reprantar 6.000 árbores nas zonas asoladas polos lumes do pasado verán, agora son os nenos os protagonistas dunha nova campaña dirigida a que aprendan, de forma didáctica e divertida, os perigos dos incendios e as súas consecuencias, pero tamén como previlos e a maneira de actuar en caso de encontrarse no medio dun deles. Baixo o lema Por xogar co lume, esta actividade desenvolverase nas aulas de escolas de toda Galicia, quince delas da provincia de Pontevedra. Está dirixida aos alumnos de segundo ciclo de Educación Primaria, con idades entre os 8 e os 10 anos, e hoxe participan rapaces do CEIP de Ponte Sampaio. Tamén o farán os do CEIP de San Clemente, en Caldas, o vindeiro día 17, e os do CEIP Torre de Cela, en Bueu, o 25 deste mes. Caixa Galicia aposta pola educación medioambiental como instrumento imprescindible para conquerir un efectivo e real respecto pola natureza e poder lograr un desenvolvemento sostible. A metodoloxía dos obradoiros é propia, innovadora e efectiva. Todas as actividades propostas son inateractivas, experimentais e divertidas, o que fai que os nenos prestan atención e máis tarde recorden o que aprenderon grazas á risa. Os profesores científicos plantexarán adiviñas que eles deberán resolver coa axuda de preguntas e divertidas pistas que se lles proporcionarán. Todos serán capaces de respostar correctamente o que fará que se sintan valorados e integrados na súa propia aula. Con esta actividade incluida dentro do programa de medio ambiente Coida da Terra, preténdese enumerar as consecuencias personais e materiais do lume, detectar situacións perigosas que poden levar a un incendio nos bosques, enumerar sistemas de protección e de extinción do fogo, describir como os sentidos poden axudarnos a detectar a presenza do lume e determinar as accións que deben seguir en caso de atoparse con fogo, entre outros.