O artista abre o ciclo dedicado á música brasileira O concerto será no Pazo da Cultura e as entradas custan 12 e 15 euros
03 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.Marcos Valle, un dos intérpretes máis importantes e populares da historia do pop brasileiro, ofrece o primeiro dos concertos de Pontevedra incluídos no ciclo de música dedicada a ese país sudamericano organizado por Caixa Galicia. Trátase dun dos grandes artistas da música popular brasileira é un dos principais representantes da segunda xeración da bossa nova. Autor de éxitos interpretados por grandes estrelas como Elis Regina, Nana Caymmi, Leny Andrade, Joe Pass, The Chicago Group, Sergio Mendes o Bebel Gilberto, entre outros, seus son algúns temas considerados xa como clásicos, como Samba de verao, Preciso aprender a ser só, Viola Enluarada e Terra de ninguém. Natural de Río de Janeiro, o seu primeiro gran éxito foi Sonho de María, co que foi aclamado como o mellor compositor brasileiro do ano, cando tiña 19. Influencias Seguindo os pasos de moitos brasileiros das décadas dos 60 e 70, Marcos Valle tamén viviu durante unha época en Estados Unidos onde, influenciado por Antonio Carlos Jobim, polo jazz e tamén por compositores como Henry Manzini, axiña se converteu nun artista aclamado e respectado, ampliando os horizontes da súa música á vez que explotaba nas súas creacións moitas fontes rítmicas e sonoras. O músico carioca presentará neste recital o seu disco Jet Samba, no que interpreta cancións compostas por el mesmo en versións instrumentais. Este traballo recolle a esencia da súa traxectoria musical. O concerto será ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, e as entradas custan 12 e 15 euros. O segundo concerto deste ciclo de Caixa Galicia dedicado á música brasileira será o día 1 de xuño, e estará protagonizado por Eliane Elias. Trátase dunha virtuosa pianista que mistura a tradición da música clásica coa espontaneidade do jazz. As entradas tamén se poden adquirir na web www.caixagalicia.es.