Unha trintena de persoas secundaron onte unha mobilización na praza da Peregrina de Pontevedra para conmemorar o cuarto aniversario do inicio da guerra de Iraq. Organizada pola Coordinadora de Pontevedra Contra a Guerra, a mobilización reivindicou o fin da ocupación. Tamén houbo alusións a outros conflitos, coma o de Afganistán. Baixo o lema «non son cooperantes, son ocupantes», a mobilización denunciou o papel dos exércitos en determinados países. «Desde a Coordinadora contra a guerra esiximos a retirada das forzas ocupantes do Iraq e o Afganistán, e no caso concreto do exército español, o seu abandono inmediato das misións de intervencionismo imperialista nas que participa na actualidade». Os participantes na mobilización lembraron que «vivimos nun momento crítico permanente, no que agora o imperialismo ianqui prepara o terreo para asaltar o Irán».