Contos para os máis cativos

La Voz CH. L. | PONTEVEDRA

PONTEVEDRA

Reportaxe | Programa de animación á lectura Catro centros de educación infantil do rural participan no programa Contaescolas coordinado por Migallas Teatro. Ao finalizar, farán unha festa conxunta

03 mar 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

?reto de douscentos nenos de educación infantil, de 3 a 5 anos, de catro escolas do rural participan na oitava edición de Contaescolas, un programa de actividades de animación á lectura a través de contos, cancións, ditos, xogos, obradoiros e expresión plástica. En concreto, participan as escolas de Lusquiños, Tomeza; de Meán, Cerponzóns; Os Campos, de Mourente, e de Verducido, as máis apartadas do centro urbano, e as actividades comezarán esta semana. A actividade, organizada polo Concello pontevedrés, pretende que os rapaces aprendan a disfrutar da palabra e coa palabra, da tradición oral e tamén a valorala, como dixo a concelleira María Xesús López na presentación. Carlos Yus, de Migallas, explicou que participan 189 nenos en varias sesións, tres por centro, con actividades de contacontos complementados con talleres de plástica e de creación artística ao redor dos contos. Como novidade e a proposta dos docentes que participaron o ano pasado, ao remate da actividade se pretende xuntar a todos os nenos nun acto festivo, teatral e musical, que xire en torno aos contos. Se levará a cabo a finais de abril, con data aínda por concretar, e posiblemente no centro cultural de Monte Porreiro. Con este acto preténdese que os nenos das diferentes escolas teñan certa relación entre eles, que tamén se fomentará antes da festa co envío de cartas e debuxos. Calendario O programa comeza este martes en Lusquiños, ás 12 horas, escola á que voltarán os integrantes de Migallas os días 28 de marzo e 17 de abril. En Cerponzóns será o mércores 7, o 28 e o 17 de abril. Na zona de Verducido, os días 8 e 27 de marzo, e o 19 de abril. E nos Campos, os días 13 de marzo e 18 de abril, con dúas sesións. Precisamente este centro é o que ten máis nenos matriculados, con 132, mentres que nos tres restantes só hai 57 rapaces. Os fins que se perseguen, ademais de traballar cos nenos que pola súa lonxanía non poden vir asiduamente ás actividades programadas no centro da vila, son estimular a fantasía, a imaxinación e as capacidades creativas, fomentar o hábito da lectura, familiarizar aos nenos coa escoita de contos e descubrir e fomentar os recursos expresivos e comunicativos dos cativos, ademais de favorecer a fluidez na expresión oral e escrita en galego.