Caldas en «Son de Estrelas»

Benito Lérez PONTEVEDRA

PONTEVEDRA

MARTINA MISER

Reportaxe | En busca da fama A voz de María José Chenlo González, que ameniza vodas e banquetes na comarca do Umia, soará esta noite no programa concurso da Televisión Galega

02 mar 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

María José Chenlo González será a representante da comarca de Caldas no programa que se emite pola Televisión de Galicia Son de Estrelas . A súa quenda será hoxe, un pouco antes das dez da noite, e alí terá ocasión de demostrar por que leva dezaseis anos enriba dos escenarios. María José chega ao concurso con moita experiencia ás costas. Co seu home, Suso , forma o dúo Stéreo que se encarga de amenizar vodas e banquetes na zona de Caldas desde hai tres lustros. Esta veciña de Valga chega agora ao concurso televisivo coa ilusión de poder gañar o premio e gravar un disco. Ao vencedor, o programa lle regala ademais un coche e unha viaxe ao Caribe, pero María José o ten claro. A súa prioridade é entrar no mundiño discográfico. Romper moldes Esta muller rompe moldes. Pola mañá é quen de arranxar unha lixadora -traballa de mecánica co seu marido nunha empresa familiar de maquinaria de carpintería- e pola noite, de cantar os temas máis románticos de Alejandro Sanz e Malú. Unha cousa non quita a outra, aínda que o que ela quixera é dedicarse por enteiro á canción. A de esta noite pode ser a súa oportunidade. Está por ver que se clasifique para a seguinte rolda pero o que é seguro é que vai ter a todo Sete Coros, e non digamos aos seus veciños da Cerneira, moi pendentes dela. Pero María José Chenlo tampouco vai de novas. Xa pisou os platós de televisión hai catorce anos co programa Pasarela de Estrelas , pero concurso, o que se di concurso, é a primeira vez que o proba. Desde aquí lle desexamos toda a sorte do mundo. Espera E mentres, Yaísa Beloso Besada segue moi pendente da chamada do programa. Esta moza da Illa de Arousa xa concursou no mesmo programa o pasado día 24 e quedou eliminada, pero quédalle aínda a posibilidade de que a salve o público. Así os seus amigos da Illa e do Príncipe Felipe de Pontevedra -onde cursa estudios de estética- fartáronse de chamar ao 905411541 para votar ao seu favor.