A nova do falecemento de Francisco Fernández-Valdés foi acollida onte con fondo pesar na Deputación, institución na que era xefe do Servizo de Proceso de Datos, e na sociedade pontevedresa en xeral, onde era moi coñecido. Casado con Teresa Pedrosa Fernández, irmá de Juan Luis Pedrosa, ex alcalde da cidade, Fernández-Valdés contribuíra de xeito decisivo ao salto dado pola Administración Provincial desde a máquina de escribir á era informática. Amante do baloncesto e do deporte base, co que colaborou en distintas tarefas ao longo da súa vida, Francisco Fernández Valdés atopouse mal o pasado venres, preto do café Blanco y Negro, cando acudía a traballar camiño da Deputación. Ante o que semellaba un infarto e logo de que non deran resultado os intentos para reanimalo, foi trasladado a un centro hospitalario no que permaneceu en coma ata o seu falecemento. O funeral terá lugar hoxe, ás 20 horas, na igrexa de San José de Campolongo.