Mercar con sentidiño

La Voz CH. L. | PONTEVEDRA

PONTEVEDRA

Reportaxe | Campaña de consumo responsable A Concellería de Consumo fai unha serie de recomendacións para non disparar o gasto

26 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

A época do Nadal que vivimos, na que o consumo aumenta de maneira descontrolada, é una boa ocasión para que os consumidores asuman a súa responsabilidade e fagan valer o seu dereito a consumir mellor, que non é sinónimo de consumir máis, como subliña a concelleira de Salubridade Pública e Consumo, Nieves Cuéllar. A edila fai unha serie de recomendacións para frear a euforia consumista que se desata nestas festas. Para empezar, considera esencial a elaboración dunha lista dos produtos necesarios nos tres grandes ámbitos de consumo desta época, como son a alimentación, os agasallos de Nadal e os xoguetes. En segundo lugar, aconsella comparar prezos e calidades, que poden variar moito duns establecementos a outros, e por último, diversificar, é dicir, aproveitar ofertas, especialmente no sector da alimentación, e non esperar ao último momento para comprar. No apartado da alimentación hai que ter especial coidado coas datas de caducidade, estado de conservación e etiquetaxe, e destaca que as carnes, pescados e mariscos conxelados non perden as súas propiedades. En canto aos viños e cavas, pódense comprar por adiantado aproveitando as ofertas ocasionais. Cos xoguetes, un dos apartados que producen máis gastos nesta época, hai que ter un especial coidado e asegurarnos de que non implican ningún risco para a saúde dos nenos. Ademais de seleccionar o adecuado á idade e capacidade do neno, debemos ter en conta unha serie de consideracións, como a marca CE que confirma que os xoguetes son conformes coa normativa comunitaria de seguridade. Tamén deben mostrar o nome, marca, enderezo do fabricante ou do seu representante ou importador na UE. Tamén é imprescindíbel que conteña a información sobre o uso e montaxe. A concelleira aconsella tamén aproveitar a publicidade para educar aos nenos en valores como compartir, non ser egoístas, aprender a escoller, a elixir e tamén a ser críticos coas campañas publicitarias e non deixarnos levar polo seu impulso. No tocante a outros agasallos, Nieves Cuéllar destaca que o que dispara ó consumo é o sector das novas tecnoloxías. Estes obxectos están suxeitos a unha lei que establece un período de garantía de dous anos, e dita garantía farase valer fronte ao vendedor, sen prexuízo da garantía comercial. Pero para poder facelo, o cliente ten que conservar a factura de compra. En canto aos outros produtos como roupa ou complementos, salvo que teña un defecto ou que se especifique no establecemento mediante un cartel anunciador ou na propia factura, hai que ter en conta que os comerciantes non teñen obriga de devolver o diñeiro ou cambiar as compras.