Pontevedra triplicou as declaracións da renda por Internet dende o 2002

Serxio Barral pontevedra

PONTEVEDRA

Este ano, preto de 50.000 contribuíntes presentaron o IRPF a través da Rede As devolucións na área da capital provincial chegaron preto dos cen millóns de euros

20 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

Que Internet ten cada día un maior peso na vida cotiá é un feito. Proba diso é o dato feito público esta semana pola Axencia Tributaria: o número de pontevedreses que presentou a súa declaración da renda a través de Internet triplicouse desde o ano 2002. Entón foron 16.000 os contribuíntes deste área xeográfica que utilizaron as novas tecnoloxías para cumprir os seus deberes co Estado. Este ano xa foron un total de 46.475. No conxunto de Galicia, a porcentaxe de declaracións que se presentan por Internet foi este ano de algo máis do 18%. Trátase dunha proporción que vai crecendo ano tras ano, segundo os balances oficiais. En similar proporción creceu a implantación do borrador da declaración, o documento que envía a Axencia aos contribuíntes en base aos datos que obran en poder da maquinaria do Estado. Se o usuario está de acordo co borrador, non ten máis que devolver o documento asinado á Axencia tributaria, e a súa declaración queda presentada. Neste caso, os case 20.000 borradores confirmados na campaña da renda do 2003 pasaron a 55.000 este ano. Quen recibe o borrador Os contribuíntes que poden recibir o borrador da declaración -previa petición- son aqueles cuxas rendas proceden de rendementos do traballo, de rendementos do capital mobiliario con retención ou ingreso a canta, de letras do Tesouro do Estado, da imputación de rendas inmobiliarias de dous inmobles como máximo, de ganancias patrimoniais sometidas a retención ou de subvencións para adquisición de vivenda habitual. O movemento económico que xerou a campaña da renda deste ano en toda Galicia ascendeu a máis de 500 millóns de euros no que se refire a devolucións aos usuarios, e roldou os 300 en canto a ingresos para a Facenda do Estado. Na zona de Pontevedra, as devolucións ascenderon a 97,3 millóns de euros, e as declaracións a ingresar sumaron preto de 49 millóns. Para rematar, cabe destacar que este ano algo máis de cen mil galegos declararon rendementos de capital inmobiliario por un total de 650 millóns de euros.