Bocados solidarios

La Voz

PONTEVEDRA

FOTOS: RAMÓN LEIRO

Praza da Ferrería Alumnos do IES Carlos Oroza preparan esta semana menús do Nadal e Unicef abriu a súa tenda nas galerías Oliva

11 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

Os alumnos de cociña preparan os pratos, os de servizos son os encargados de realizar as montaxes das mesas e a disposición do comedor para os comensais e os de panadería e pastelería confeccionan as sobremesas típicas destas datas. Así funcionan esta semana os estudantes do IES Carlos Oroza, enfrascados na preparación dos seus menús navideños, toda unha delicia para os ollos e o paladar. Segundo explica a directora do centro, Paula Molina Quintela, son os propios alumnos os que coa axuda dos profesores deseñan a oferta gastronómica deste mes de decembro para o comedor do centro, «mediante a consulta dos fondos da biblioteca e a través de traballos destinados a coñecer máis profundamente os xéneros que son de uso máis común durante o Nadal». Finalmente, os estudantes propuxeron catro menús diferentes, que se servirán ata o xoves, ao prezo de nove euros. Menús Entre as exquisiteces que terán a oportunidade de degustar estes días figuran pratos tan apetecibles como o bacallao con laranxa e patacas á vainilla, confit de parrulo con cogomelos e roial de foie gras, tenreira rechea con rosa de pataca ruxida e variado de verduras salteadas ou peitugas de pavo ao foie. Ademáis dos postres, tampouco podían faltar os viños brancos e tintos e o cava. Iso sí, se queren disfrutar destes manxares sepan que as prazas son limitadas e terán que reservar mesa nos teléfonos do centro ou na web do IES, http://centros.edu.xunta.es/cifpcarlosoroza. En Poio tamén se fala estes días de alimentos e de solidariedade. Ata o venres, a Casa Rosada recolle os alimentos que queiran doar os veciños ás familias con menos recursos. A iniciativa comezou o domingo coa nova edición da Festa do Deporte Solidario en A Seca, á que asistiron unhas trescentas persoas, que tiñan que traer cadanseu alimento. Outro clásico do Nadal son as tarxetas de Unicef, coas que a organización recada fondos para proxectos da infancia. Estas tarxetas e outros moitos posibles agasallos navideños xa están dispoñibles na tenda que a entidade ten nas galerías Oliva e que permanecerá aberta ata o 5 de xaneiro.