Roteiro dos petos de ánimas

Raquel Sánchez Mella

PONTEVEDRA

RAMÓN LEIRO

Reportaxe | Arquitectura popular tradicional A finalidade destos monumentos que apareceron no século XVI é que os vivos poidan ofrecer esmolas para a salvación das almas do Purgatorio e rogar por elas

14 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

Os petos de ánimas son elementos arquitectónicos moi arraigados na cultura popular galega, que testemuñan a crenza da continuidade da alma despois da morte, e a existencia dun paso intermedio para chegar ó ceo, o Purgatorio, como lugar de redención dos pecados cometidos en vida. A finalidade destes elementos é que os vivos poidan ofrecer esmolas para a salvación das almas do Purgatorio e rogar por elas. Estas manifestacións artísticas apareceron en Galicia a finais do século XVI, pero é no século seguinte, no XVII, cando se fan a maior parte deste monumentos populares dedicados ás ánimas. Pódense atopar principalmente nos cruces de camiños considerados como lugares asociados co sobrenatural, nos recintos das igrexas, adosados ós cruceiros ou nas marxes dos camiños. A maioría destas construccións están feitas en pedra e teñen unha cruz no alto. Soen ter representadas as ánimas entre o lume no Purgatorio e unha figura central que vela por elas, que ben pode ser un Santo, un Rei ou un Bispo. Na parte frontal dos mesmos aparece un peto ou hucha, protexido cun cristal ou reixa, para que o crente deixase esmolas con fin de sufragar misas ou responsos, e así poder salvar ás ánimas do Purgatorio. Tamén era moi común que ó pasar por diante destas construccións se rezase unha oración e se puxesen flores ou velas. Inscripcións Na gran parte dos petos de ánimas podemos ver inscricións tales como «unha alma tes e non máis, se a perdes que farás» ou «tal como te ves vinme eu e tal come ves ti, pronto te verás» que pretenden persuadir a aquel que pase por diante para que deixase ofrendas ou rezasen unha oración pola salvación dos finados. Percorrendo a nosa comarca podemos atopar máis de vinte exemplares destas curiosas construccións, espallados por cinco concellos. No concello de Barro atopamos o Peto das Almiñas de Porráns. Trátase dun peto de pedra de tipo aberto, no que se representa un Cristo acompañado de San Francisco á dereita e da Virxe do Carme á esquerda. Da corda que suxeitan estes últimos cóllense cinco ánimas intentando escapar do lume que as atormenta. Acercándonos ó concello de Poio encontramos o Peto de San Salvador na parroquia de San Xoán, adosado a un cruceiro que representa á Virxe co Cristo morto nos brazos. É un peto de gran tamaño, pechado por barrotes de ferro e dividido en dúas seccións. Na parte alta vese un medallón oval, no que aparece a figura de Deus, acompañado de dous anxos, bendicindo coa man dereita, mentres que na esquerda leva un bastón como símbolo de poder. Vilaboa En Vilaboa, podemos ver o fermoso Peto de Ánimas de Toural que se levanta por detrás dunha mesa altar de granito. Ten forma rectangular que se redondea nos seus ángulos superiores e lle dá ó conxunto unha estructura piramidal. Represéntanse nel dúas escenas: na parte inferior aparece un número indeterminado de monstros que van situando o corpo dos condenados sobre unha grella martirial, transmitindo maldade e sufrimento; na parte superior represéntanse as ánimas que están a piques de se redimiren son axudadas por dous anxos que se sitúan nos arcos laterais. Por riba deste conxunto sobresae un cruceiro que acolle á Virxe da Soedade. Achegándonos a Ponte Caldelas vense unha gran cantidade de petos entre os que destacamos o de Barbudo e o do Río, no lugar da Fraga. O primero deles está situado nun cruce de camiños moi transitado pola xente das parroquias do devandito concello. Debido precisamente ó seu emprazamento recollía abondosas esmolas en cartos, millo e patacas que logo se subastaban á porta da igrexa e o recadado empregábase en dicir misas e autos de ánimas. Este peto ten representada na parte superior a imaxe da Virxe do Carme co neno no colo, e na parte inferior aparecen sete almas entre as lapas. É curiosa a inscrición que pode atoparse no mesmo: «O que aquí pasou é cousa que causa horror, hai de ti se te condenas serache moito peor». Este peto destaca tamén por ter un reloxo de sol no lado esquerdo do frontón. Retablo de madeira E o peto das Almiñas do Río está situado ó pé da confluencia do río da Larpea co Verduxo, no lugar da Fraga. Moi venerado polos veciños do concello, feito que se demostra no caso dunha muller que foi de xeonllos dende a igrexa de Caritel ata ese lugar para agradecerlle ó santo que preside o peto a solucións dos seus problemas. O retablo está tallado en madeira e representa a san Antonio co neno no colo na parte superior e varias almiñas entre as lapas na parte inferior. Ten unha sinxela cruz de ferro na parte superior e baixo a mesma vese unha floriña de oito finos pétalos inscrita nun círculo. Bora Finalmente, no Concello de Pontevedra consérvase un fermoso peto na parroquia de Bora situado no muro dunha casa abandonada á beira do embalse de Bora, no camiño de acceso á ponte romana. Este peto está feito en pedra e ten a imaxe de Cristo crucificado con tres almiñas debaixo. Hoxe en día segue recibindo culto. Aínda que hoxe en día a fe ás ánimas corre perigo de perderse, pode dicirse que a tradición de deixar esmolas desapareceu practicamente, na comarca de Pontevedra aínda poden verse mostras de recordo e ofrendas na maioría dos petos, como velas, flores ou espigas de millo, o que significa que esta tradición segue viva na mente da xente da comarca.