Marín As melloras previstas por Medio Ambiente e Concello porán fin aos vertidos ao mar Ningún sumidoiro procedente de vivendas botará máis lixo á ría no prazo de dous meses
11 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.? delegado provincial de Medio Ambiente, Juan Froján, e o alcalde de Marín, Antonio Santiago, acordaron onte as súas correspondentes responsabilidades á hora de impulsar un plan de saneamento do casco urbano que triplicará a operatividade do colector xeral que envía as augas residuais da vila e de Estribela á depuradora dos Praceres. O obxectivo será suprimir todos os vertidos que se producen tanto polos dez focos contaminantes que botan directamente ao mar -os procedentes de sumidoiros non conectados ao colector xeral-, coma pola masa inxente de residuais que sae á ría no bombeo principal de Cantodarea cando este rebosa. O delegado mantivo o seu compromiso de que en dous meses este problema, que é a causa da maior emisión de residuos coliformes á ría, estará solucionado. O representante da Consellería admitíu que ían quedar un pouco axustados, pero tamén engadíu a súa confianza de que Pesca tería un plazo suficiente para poder analizar as augas despois dos traballos. Así se podería modificar a cualificación dos bancos marisqueiros do fondo da ría de C a B, co que os mariscadores de Lourizán, Raxó e Pontevedra poderán realizar a campaña de Nadal sen maiores atrancos. Froján explicou que a Consellería de Medio Ambiente vai investir 216.000 euros na conexión dos vertidos dos sumidoiros non conectados ao colector xeral, que discorre paralelo á avenida de Ourense. Esta actuación é tan custosa porque estes sumidoiros antigos están situados nunha cota inferior á rede principal de Marín, polo que haberá que artellar o sistema para que estas augas residuais poida chegar ao colector. Os dez puntos están dispersos ao longo da avenida e a súa contaminación pode apreciarse sobre todo con marea baixa. Pola súa banda, o Concello de Marín destinará 69.000 euros a mellorar o bombeo de Mogor e tamén a ampliación da capacidade do bombeo de Cantodarea, no límite con Pontevedra. A súa operatividade é moi limitada, sobre todo cando chove e rebosa con facilidade, enchendo incluso a calzada co lixo con certa frecuencia. A adxudicación deste traballo terá lugar a semana próxima. Asemade, o Concello empregou outros 60.000 euros na reposición de pezas da rede de sumidoiros. Depuradora dos Praceres O alcalde amosouse satisfeito co apoio de Medio Ambiente e indicou que aínda que non se soluciona de forma definitiva o problema -pendente da construción de tanques de tormenta para o seu funcionamento en caso de avarías na rede-. Sí se suprimirán con estas medidas os vertidos sen depurar en condicións normais. Ademais, Froján anunciou que este mes entrará en funcionamento a segunda fase da depuradora dos Praceres, unha vez que se deu coa solución xurídica adecuada ao conflito entre a concesionaria e a adxudicataria inicial da segunda fase da depuración. Apuntou ao respecto que todo o complexo estará xestionado por Aquagest. O saneamento integral da metade da banda sur da ría de Pontevedra será un feito tamén coa supresión dos vertidos existentes no cabo dos Praceres. Esta actuación acometeraa o Concello de Pontevedra, que investirá nesta zona 54.000 euros. Esta obra tamén se enmarca dentro do prazo dos dous meses. Quedarán entonces únicamente pendentes os vertidos que dependen do Porto, que o seu presidente anunciou hai días que se suprimirán en cinco meses.