Homenaxe poética a Bóveda

La Voz

PONTEVEDRA

RAMÓN LEIRO

Praza da Ferrería Varios autores leron onte no Principal pezas do «Cartafol poético» dedicado ao galeguista no seu centenario e que editou a Consellería de Cultura no Ano da Memoria

10 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

En novembro do 2003, varios autores galegos renderon a súa particular homenaxe a Alexandre Bóveda cun recital poético que puxo o remate ao congreso dedicado ao galeguista no centenario do seu nacemento. En concreto, se lles pedira que lesen un poema cuio fío conductor fose a represión en Galicia tras o alzamento de 1936. Case dous anos despois, algúns dos participantes neste acto volveronse reunir onte no mesmo escenario, o Teatro Principal, na presentación ao público da obra Cartafol para Alexandre Bóveda, que recolle os poemas lidos naquela xornada. Marga Romero coordinou este volume, que xa tivo unha presentación na véspera do Día da Galiza Mártir, e nel suliña que este traballo «é aínda unha denuncia para recuperar a historia que nos negaron». «Hoxe xa non están connosco Xela Arias, Luísa Villalta nin Manuel María, e este cartafol é unha homenaxe á súa obra e tamén é a evocación dese derradeiro acto no que as súas palabras brilaron xuntas», comenta no prólogo. Si estiveron na presentación autores como Bernardino Graña, Xosé Vázquez Pintor, Xurxo Souto, Miguel Anxo Fernán Vello ou Adolfo Caamaño, ademáis do director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luis Bará, que precisamente deu lectura ao poema da falecida Luísa Villalta. Tamén asistiu a este acto o fillo de Alexandre Bóveda, Xosé Luis, que leu o poema inédito do seu pai que recolle o cartafol, dedicado en 1928 polo galeguista á súa dona. Ano da Memoria Esta actividade forma parte do extenso programa que este ano a Consellería de Cultura dedicou á recuperación da memoria histórica e que terá o seu culmen en Pontevedra coa celebración dun congreso entre o 10 e o 12 de novembro. Destecendo a desmemoria. Galicia na loita antifranquista (1936-1977) é o título deste simposio, que terá lugar no Pazo da Cultura. Da poesía ao audiovisual. O artista Augusto Fontam tamén amosará a experiencia dun grupo de creadores no filme que roda xunto ao cámara Guillermo Pazos. O realizador prefire falar de «fado posto en imáxenes» antes dun documental, pero avanzou que o traballo busca cuestionar na arte actual «o que é verdadeiramente vello, a dicotomía entre o vello e o deleznable». A obra inclúe ademáis unha entrevista inédita de Fontam ao artista Laxeiro realizada no ano 1982, así como o seguemento a un grupo de creadores pontevedreses que van participar nunha exposición no castelo de Melgaço no mes de decembro. «En realidade nove dos dez artistas se consideran uns piratas da arte actual», comenta o director deste filme. Precisamente, o documental rematará coas imáxenes da inauguración desta mostra no país luso, na que tamén participará Fontam. O profesor Alberto Pena Rodríguez volve ao cargo que deixou hai tres anos: o de decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Pena presentou a única candidatura para sustituir a Xaime Fandiño nas eleccións que tiveron lugar onte. Acompañan ao novo decano Mónica Valderrama Santomé e Carmen Ruíz Hidalgo como vicedecanas de Calidade e Docencia e de Asuntos Económicos, respectivamente; Juan Manuel Corbacho Valencia, que ocupará o cargo de vicedecano de Alumnado; e Emma Torres Romay, quen continúa no cargo de secretaria da facultade.