CAPITAL E TAL | O |
01 jun 2006 . Actualizado a las 07:00 h.DISFRUTANDO coas historias de Manuel, amigo e pluma sublime, decateime que algúns políticos aínda teñen cousiñas coas que sorprendernos. Cando un destes próceres da cidade de Pontevedra espetou a palabra inelegante, saltaron todas as alarmas dos amantes da boa oratoria, pero a RAE non enganaba, existía. Este anecdótico episodio nunha das múltiples roldas de prensa dos políticos da cidade pasaría rápido desapercibido, salvo para o veciño da sirena de Silgar, se non fora polo feito de que esta personaxe non se aplica o conto e practica a cotío a inelegancia ou non elegancia. Na arte de gobernar, de xestionar os nosos recursos en beneficio de todos, compre non olvidarse que as institucións non son dun partido político ou dunha persoa. Resultaría pouco elegante que un presidente dunha comunidade de veciños se adicara a cuidar ós veciños do quinto e do sexto e a desazonar ó resto. A inelegancia dalgúns persoeiros ubicados nas institucións se traduce no desprezo hacia todo aquelo que non sexa afín e ó compadreo co que si o é. A inelegancia invade a actividade política dalgúns e disfraza o arte de xestionar na incapacidade de respetar ó contrario. En fin, así somos os cidadáns, capaces de colocar nas institucións a persoeiros que non durarían nin un suspiro nunha desas animosas xuntas de comunidade de veciños dos nosos edificios. A elegancia, o respeto ó contrario, o non reducir os intereses de todos ós de algúns é o punto de partida dun bo programa electoral. Ogallá as verbas inertes que saen dos picos de ouro dalgúns muden en feitos elegantes, que non se utilicen as institucións como división do indivisible. Cecais deste xeito, coa elegancia no actuar, ninguén se estaría a plantexar a mesma existencia dalgunha destas institucións.