Festa da lingua

La Voz

PONTEVEDRA

R. L.

Praza da Ferrería

17 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

O acto popular a Manuel Lugrís Freire pechou as actividades do Día das Letras Galegas en Pontevedra. O alcalde, Fernández Lores, que estivo pola mañán na manifestación de Santiago a prol da lingua galega, tamén acudiu ao acto que tivo lugar na praza de Curros Enríquez, engalanada cunha fermosa alfombra floral coa caricatura do autor homenaxeado este ano, feita por a Asociación Socio Cultural de O Burgo, promotora do acto. Abriu o acto o presidente da devandita asociación, Manuel Lavía Pabola, e a concelleira Mª Xesús López Escudeiro, e logo, varios veciños, entre eles José Freire, do SUP, leron poemas de Lugrís. Despois, o Coro Polifónico da devandita asociación, formada por unha trintena de persoas, baixo a dirección de Xesús Portas Ferro, interpretou varios temas populares, como Si chover deixa chover, Airiños, airiños, aires, Lévame, lévame e O voso galo, comadre. A Banda de Música de Pontevedra pechou o acto con obras de Pérez Seara para rematar co Himno Galego. Mes da lingua Pero os actos neste día comezaron pola mañanciña. Baixo unha pancarta co lema Maio, mes da língua, e cun poema de Celso Emilio Ferreiro, «...Falar a fala nai, a fala dos avós que temos mortos, e ser, co rostro erguido, mariñeiros, labregos do lingoaxe, remo i arado, pra rella sempre», desenvolveuse a Festa da Lingua de Revira, que leva doce anos celebrandoa e que se declara em luita polo galego, como rezaba unha pancarta. Pasarrúas, teatro con As Esmorganas, as actuacións do mago Nilsom, a actuación de Códia e Miolo e máis do cantante brasileiro Carlos Dantas na Verdura, fixeron as delicias de grandes e cativos. Os pequenos tamén disfrutaron cos obradoiros na Ferrería, e perto dela, na praza de Ourense, un mural recordaba a vida e obra de Manuel Lugrís. Logo, no Campiño de Santa María, serviuse un churrasco ao que acudiron medio centenar de personas, que poideron disfrutar dun recital poético para rematar a festa, que a chuvia estropeou un chisco pola tarde. Hoxe, en A Carballeira, Vilar, Ponte Sampaio, ábrese unha mostra sobre Lugrís.