Monólogo social

ISMAEL REGO VILAR

PONTEVEDRA

CAPITAL E TAL | O |

12 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

O MONÓLOGO, segundo o define o Diccionario da RAE, consiste nunha reflexión en voz alta e a soas. Cousa distinta, claro está, ao diálogo ou discusión na búsqueda de avenencias. Non lle queda mais solución a un que facer esta inmersión no diccionario, hábito moi aconsellable por outra parte, para tentar comprender o caos no que está inmerso o texido social pontevedrés. Servindo como excusa a falta de diálogo social destes días coa xa finalizada folga do metal, cun monólogo de obleas sen consagrar e volcos de vehículos acontecidos na nosa provincia, pregúntome qué está a pasar cos nosos políticos, sindicalistas, representantes de veciños e veciños en xeral para que o monólogo se convirta no eixo principal do noso vivir cotiá. O diálogo desaparece dos nosos cafés da mañanciña, sustituído pola loita por coller un periódico e así pasar do do café do lado; os compañeiros de partido pasan de falar entre sí e confían nas enquisas para que decidan por eles; os representantes de veciños prefiren a escisión antes que unha discusión, os sindicalistas optan pola guerra para logo negociar, pola toma de institucións en defensa do seu traballo. ¡Claro que Pontevedra é unha cidade movilizada!, pero pola furia dos monólogos do rencor. Este modelo de cidade, este que non se pode definir nun PXOM, tamén é responsabilidade dos grupos organizados da cidade, de todos eles. De nada vale sacar peito nomeándonos a cidade das tertulias. Agora entendo a mensaxe da escultura da praza de San Xosé, a cadeira vacía é a distancia que aínda nos separa da época do diálogo de tan ilustres contertulios. En fin, estamos a volver a aquelas cavernas onde, de costas ó lume, xogabamos ás adiviñanzas. Aínda que xa se sabe, o realismo sen unha dose de esaxeración en nada se convirte.