Celtas de corazón

PONTEVEDRA

NA ÚLTIMA | O |

18 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

ESES NENOS loiros, de beizos carnosos e tez pálida, que aparecen de cando en vez nas aldeas galegas como caídos do ceo, sen que teñan moito que ver co aspecto dos seus pais, alimentan a tradición que fala do sustrato celta como algo xeralizado entre a poboación galega. Esas marcas de identidade, retorcidas moitas veces cun ánimo escuro para alimentar proxectos excluintes, teñen cada vez menos sentido nun mundo como actual, no que a identidade se afasta cada vez máis do etnicismo para buscar os seus referentes na herdanza cultural. Agora sábese, grazas a un estudo publicado esta semana, que a galega é unha das comunidades xeneticamente máis uniformes, por enriba de Cataluña ou do País Vasco. O estándar galego fala de xente con nariz alongado e cara ovalada, corpos pequenos pero robustos e ollos, pel e cabelos máis ben claros. Os celtas tiveron, sen embargo, pouco que ver en todo, porque, ao parecer, o seu peso demográfico foi pequeno, claramente superado polo dos outros pobos que viviron por aquí, especialmente os que cruzaron dende o Mediterráneo para instalarse no Atlántico. O estudo que revela todas estas cousas resulta moi útil para entender mellor as enfermidades cun componente xenético importante. Polo visto, Galicia reúne, precisamente pola uniformidade xenética detectada, as condicións idóneas para analizar enfermidades complexas, coma o cáncro, as doenzas cardiovasculares, a diabetes ou o asma. Non se di nada do Rh do sangue, que alimentou outro tipo de teorías no País Vasco, recollido como un elemento máis dentro do discurso político, no que a ciencia ten máis ben pouco que ver. Pero probablemente o que defina mellor se un pobo merece a pena non sexa o sangue, senón o corazón das súas xentes.