NA ÚLTIMA | O |
04 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.HAI UNS quince anos, cando o modelo nórdico de sociedade do benestar gozaba dun dos seus mellores momentos, aos habitantes daqueles países gustáballes presumir de que, aínda que quixeran, non poderían vivir na rúa. Simplemente, unha complexa estructura formada por axentes sociais detectaría a anomalía e poría en marcha a maquinaria para darlle ao aspirante a indixente unha completa cobertura financieira e de aloxamento. Alí o paternalismo do Estado chega a ser irritante para moita xente, ata o punto de que a protección social se ten interpretado como certo recorte ás liberdades persoais, ademáis de ser unha vergonza acudir a ela voluntariamente. Un desprestixio só motivado pola absoluta necesidade que mantivo afastada á picaresca que noutras circunstancias saquearía as contas do Estado. Hoxe publícase nestas páxinas locais unha ampla reportaxe sobre a situación das xentes que viven na rúa. Nuns días tan duros como estes pasados, co frío cortando na cara e os termómetros cobrándose xa algunhas vidas de indixentes, moitos dos que só teñen estrelas por teito rexeitan durmir nos albergues. É certo que estes non son hoteis, pero tampouco cárceres. Sen embargo, os que están acostumados a durmir fóra rexeitan en moitas ocasións unha cama quente pola perda de liberdade que leva aparellada. O home desenvolve estranos mecanismos de defensa. Pero o certo é que, cando se coñecen de cerca cada unha das pequenas historias que hai detrás dos indixentes, o razonamento non é atolondrado. Nunha vida na que a indiferencia é a constante nas relacións sociais resulta difícil non aillarse. Unha vez creado o caparazón, rachalo para estabrecer aínda que sexan pequenas pontes coa vida en sociedade faise moitas veces insoportable.