Non facer nada

PONTEVEDRA

NA ÚLTIMA | O |

12 ene 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

DESPOIS DE toda unha vida de traballo un ten dereito a facer co tempo de descanso o que lle dea a gana. Os xubilados españois elixen vaguear, non esforzarse nin para retomar vellas afeccións, viaxar ou ler. Polo visto priman máis outros pequenos placeres, como comer en familia ou pasear. O que parece claro é que o paso dos anos vai mudando as preferencias dos mesmos que aos trinta dicían que, en canto tiveran tempo libre, empregarían a maior parte en coñecer mundo. Pero o que non tiñan en conta á hora de expresar as súas preferencias era a situación económica que os esperaba ao final da súa vida laboral. A maoiría non saben canto van percibir. Así, na ignorancia, fanse cálculos que despois non son compatibles coas contas correntes. Nunha ocasión coñecín a un home que pasara case tanto tempo xubilado como en activo. Morreu cerca dos cen anos, despois de máis de trinta apartado da vida laboral. Era optimista, viaxeiro e tiña un espíritu tan novo que lle levaba a facer reflexións sorprendentes. Nunha ocasión, cando unha das súas fillas cumpriu corenta anos dixo: «¡Ah!, entón agora eres o dobre de xoven que eu». Foi a versión máis mellorada que escoitei do clásico exemplo da botella medio chea. Salvo á hora da sesta, nunca o vin sen facer nada. Viviu na súa propia casa ata o día en que morreu. Facía a compra todos os días, case sempre en bicicleta, cocía o propio pan e lía uns libros terribles, deses que se compran de saldo nos hipermercados, pero que o mantiñan entretido. Foi a súa elección despois de traballar nos fogóns dun barco durante máis dunha década e tornear pezas de metal durante outros trinta anos máis. Presumía de pobre e ría como un neno cos debuxos animados da tele. Claro que tivo como aliado unha saúde de ferro. Aos noventa decidiu deixar de fumar. Levaba máis de setenta anos con tres pitillos oa día. Non puido deixalo. Pero por prescripción médica.