NA ÚLTIMA | O |

21 dic 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

¿CANDO COMEZA un a fíar boa parte da ilusión á sorte? A pregunta púxose sobre unha sobremesa dun grupo de amigos de distintas idades nestes días de Nadal. A maioría coincidiron en asegurar que foi máis ou menos na época na que comezaron a traballar. A sorte, vinculada ineludiblemente hoxe á lotería, comézase a buscar por unha serie de rutinas que se incorporan á vida cando un comeza a traballar. A primeira puñalada á carteira ven do número que se xoga colectivamente no traballo, unha especie de incursión iniciática no mundo desa complicada relación que a maioría mantén coa lotería. Agás os que se decantan polos extremos, os que compran compulsivamente ou os que viven totalmente á marxe do sorteo, os demáis teñen difícil establecer donde se pon o freo. ¿Nun décimo, en dous, tres... nas participacións dos colexios dos rapaces, da cafetería donde un toma sempre o café, restaurantes habituais, da administración donde se acude con certa periodicidade..? O gasto medio fala por si mesmo. Os máis indulxentes din que é o prezo que se paga pola ilusión vivida nos días previos ao sorteo. Pero en torno a todos estes sentimentos hai quen quere aínda máis emoción. Entre eles, eses mentalistas que aseguran que poden predecir o número que vai sair. Normalmente méteno nun sobre pechado que prometen abrir o día do sorteo. Así evitan que a xente se lance sobre as administracións de lotería que despachan o número. Seguramente parte do truco estará aí, nun resorte que permite a manipulación do contido do sobre para facelo coincidir co número premiado. Porque se houbera quen fose quen de adiviñar a sucesión de díxitos agraciada sería un desastre. Non pola desmotivación da xente, que renunciaría a comprar ante a perspectiva de que sempre lle tocara ao mesmo, senón porque acabaría cunha das poucas fórmulas que aínda hai de mercar un cacho de ilusión.