NA ÚLTIMA | O |

02 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

OS QUE preparan a saída da Volta ao Mundo dende augas galegas confesan, aínda sen estar moi afeitos á fermosura das rías galegas, que esto é todo o contrario do que tiñan en mente cando os avisaron de que ían partir dende España. Xunto cos barcos hai unha chea de mozos e mozas que van vivir á conta da regata unha experiencia inolvidable. Son os que traballan nas carpas que agora están montadas en Sanxenxo. Eles, que van estar nos portos a salvo dos perigos do mar aos que se enfrontan as tripulacións, traballan como relacións públicas, camareiros e cousas polo estilo. Onte dúas rapazas suecas, que van andar nove meses polos portos de todo o mundo patrocinando camións e coches, dicían que parecía incrible que chovera e fixera tanta calor, que todo fora tan verde e que as montañas chegaran ata o mar de xeito parecido a como o fan en Noruega nos fiordos que se levantan maxestuosos a máis de tres mil kilómetros de aquí. Confesaron que estaban pensando en algo un pouco máis seco, máis parecido ás estampas andaluzas que chegan por aquelas latitudes como sinónimo de todo o país. O simil dos fiordos foi moi celebrado, pero, entre aqueles e as rías, as suecas prefiren os accidentes galegos, pois confesaron que lles parecía unha beleza un pouco máis mansa, que se pode contemplar con tranquilidade, sen necesidade de sentirse sobresaltado, senón que provoca máis paz que incredulidade. Ou como o veu Hemingway, coa que quizá é a imaxen máis fermosa sobre as rías, comparándoas con dinosaurios vellos e cansos que van morrer ao mar. El visitou a ría de Vigo por esta época do ano. Sen embargo, dende entón, a construcción de vilas enteiras nas ladeiras daqueles dinosaurios ten arruinado un tanto aquela estampa. Como dixo unha vez un fotógrafo estranxerio: esta é unha terra fermosa para fotografiar, pero non soporta o plano curto.