NA ÚLTIMA | O |
07 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.SERÍA UNHA idea interesante estender eses estudios que acaban de desmontar os estereotipos que dibuxan as nacións no imaxinario colectivo a campos máis reducidos e cercanos. Agora que se sabe que boa parte da fama de despreocupados, irresponsables e vividores dos españois é falsa, pois polo visto somos case tan amantes da planificación como os alemáns e retraídos na mesma medida que os xaponeses, poderíase averiguar se aos galegos nos falta definición na escaleira ou se os cataláns teñen a carteira cosida ao peto. Mellor aínda, poderíase estudiar se os coruñeses son señoritos, os vigueses traballadores, os ourensanos comellós, os de Sanxenxo pijos ou os do Morrazo tan bravos como pregoan. Aos pontevedreses seguro que tamén se lles podería atopar algún rasgo común. Pero o verdadeiramente interesante sería exportar a experiencia á microsocioloxía. Saber que hai de certo en que os irmáns maiores son líderes nos seus grupos de influencia e os pequenos maquiavélicos por natureza, os fareiros xente taciturna e os taxistas de dereitas. Estaría ben tamén determinar se os periodistas son tan mentirosos e os políticos tan corruptos como para merecer a fama. E para os que viven en edificios de máis de catro alturas sería crucial saber se é certo que as veciñas do quinto son impresionantes. Por suposto, habería que encargar un estudio que constate dunha vez que os xitanos son xente desorganizada, aos que non lles gusta traballar, aman vivir en chabolas, pero nunca renuncian aos televisores de plasma e outros luxos menores. Outro epígrafe ineludible para os homosexuais, xa se sabe, eses viciosos. Claro que o verdadeiramente problemático sería atoparse con que os resultados das enquisas non son datos fiables. Porque precisamente o bo dos prexuizos é que non hai por que constatalos. Abonda con crelos.