Viaxar ao espacio

PONTEVEDRA

NA ÚLTIMA | O |

04 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

JEAN-FRANÇOIS CLERVOY é un astronauta francés, integrado na Axencia Espacial Europea, que estivo dando voltas polo espacio en tres ocasións. Na primeira delas, hai agora catorce anos, mentres vía a través das pequenas fiestras da nave como a curvatura da terra se ía pechando máis e máis, ata conformar a circunferencia completa, tivo unha sensación que é compartida por todos os que ven o planeta desde o espacio: a fraxilidade dunha pequena bola na inmensidade. Polo visto, provoca un sentimento de inseguridade total en quen ve as cousas dende aquela perspectiva. Esa sensación xa non desaparece nunca. Eses son os grandes detalles dunha viaxe reservada só a uns poucos humanos. Pero cada viaxe espacial supón unha auténtica revolución para quen o experimenta en cuestións tan cotiás como a alimentación. Polo visto, a ingravidez altera non só os movementos das cousas, especialmente dos líquidos, que se fan ingobernables, senón tamén dos sabores. A mesma mestura de especias nunha carne fai que se perciba dun xeito nun restaurante, aquí abaixo, e doutro ben distinto no sobre do que chupan os astronautas. Seguramente os turistas multimillonarios que tripulan agora as expedicións ao espacio van buscando máis a sensación primeira e única da que fala Jean-François Clervoy que esas outras anécdotas colaterais. O último en sumarse á moda de pagar sumas millonarias de euros por vivir uns días a vida dun astronauta, o americano Gregory Olson, chegou onte a Estación Internacional Espacial. Tocoulle viaxar no mesmo día do eclipse, que é algo así como a democratización deses espectáculos excepcionais que normalmente só se consiguen con cartos. O voo de Olson custoulle vinte millóns e xa está pensando en facer outro. Os demais, para sentirse parte dalgo irrepetible no universo, terán que esperar vinte anos. Ata o próximo eclipse.