Árbitros

MARTIÑO SUÁREZ

PONTEVEDRA

¡ARRE HO! | O |

21 sep 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

AFORTUNADAMENTE, a especie humana ten a alma tan retorta que é capaz de producir especimes absolutamente imprescindibles. Por exemplo, aí están os árbitros, que algo raro teñen que ter por dentro, non me digan que non, pero que cumpren a súa función social. Ultimamente, non escoito falar nesta cidade de ninguén máis que do tipo calvete que a montou o domingo pasado en Pasarón, expulsando a media ducia de futbolistas do equipo dos meus amores -tampouco é que a calma sexa o seu don máis destacado, a verdade- e facéndolle perder un partido que estaba gañado. Vale que o paisano actuou dun xeito un tanto sospeitoso, favorecendo a ese equipo con directiva tipo Crónicas Marcianas e entrenador poeta que é o Rayo Vallecano. Pero a min o que me ten intrigado é que pasa pola cabeza dun tío así. Seguramente teña o seu choio respetable, seguramente vaia cada domingo pola noite contarlle as súas penas futboleiras á familia zamorana que o estará esperando, asustada coma a dun toureiro, se é que o home fai cada semana o mesmo do outro día. Algúns din que os árbitros son xogadores frustrados ou antigos nenos machacados nos recreos. A min non me chega como explicación. Entón ¿por que? ¿Que necesidade hai de meterse nese tipo de xardíns? ¿Que leva a unha persoa de certa idade a poñerse en calzoncillos e en camiseta canaria diante de cinco mil siareiros que teñen como obxectivo último pulilo a insultos, faga o que faga? ¿Cal é a estraña razón que fai que se xogue o físico e a veces o patrimonio -fíxense senón na factura que presentou o homiño polos destrozos no seu coche- en busca de non sei que? ¿Que sente un árbitro cando escoita todo un estadio acordándose dos seus ancestros: rabia, medo, orgullo, incluso pracer? ¿Que clase de morbosidade aniña no seu corazón? A saber.