¡ARRE HO! | O |
06 sep 2005 . Actualizado a las 07:00 h.NON SEI se é que os humanos somos máis decepcionables que decepcionantes. Resulta que cando algúns ilusos levamos un tempo bastante felices, razoablemente satisfeitos co noso entorno, considerablemente contentos con como son os nosos conxéneres, salta unha lebre do calibre quince onde menos se espera. A min saltáronme varias onte, en moi pouquiño tempo. A primeira, mentres tentaba aparcar o coche no Monte do Taco: tres fulanos con pinta de trasegadores de ribeiro e vestidos de chándal pasaron ao lado da miña ventá comentando as súas fazañas putiféricas da fin de semana. A segunda lebre botóuseme aos ollos só uns segundos despois: aínda non baixara do coche cando escoitei a fermosa voz do presidente de Gas Natural, Salvador Gabarró, contando que co inicio da súa operación sobre Endesa a compañía «acaba de poner el semen, y dentro de nueve meses tendrá la criatura», un comentario antolóxico adornado polos ronquidos babexantes e priápicos dos que o rodeaban, homes todos, naturalmente. Logo pasoume outra cousa, máis próxima, máis dolorosa, pero esa creo que non llela vou contar aquí. En todo caso, malditos machorros. martino.suarez@lavoz.es