¡ARRE HO! | O |
05 sep 2005 . Actualizado a las 07:00 h.DE VEZ en cando un sofre un flash, vénselle á cabeza unha imaxe que o fai sentir estúpido, ridiculamente minúsculo. Pasa, por exemplo, cando un vai conducindo a toda mecha pola estrada entre Caldas e Cuntis, trazando curvas coma un profesional, acelerando polo carril de lentos, argallando na radio coa man dereita e manexando o volante coa esquerda, ao tempo que manipula o interruptor das luces. Un vai totalmente metido dentro de si mesmo, dándolle voltas na cabeza a asuntos do máis trivial, ou non: o cravo que lle vai meter a tarxeta de crédito a mediados de mes, o bo que estaba o bacallau do mediodía, a estratexia a seguir para poder pasar unha fin de semana completa coa xente á que quere, as pifias de Edurne na penúltima gala de Operación Triunfo, o ben que soa aínda hoxe Mis huesos son para ti, dos Surfin' Bichos. Entón, de repente, cando o velocímetro chega aos 140, e coma vencendo por un instante a memoria de peixe que os humanos temos para algunhas cousas, pasa pola cabeza o recordo de que hai media hora un acabou de escribir unha noticia sobre a morte dunha parella do Grove sobre o asfalto da vía rápida do Salnés. Se houbese radares para a estupidez...