NA ÚLTIMA | O |
01 sep 2005 . Actualizado a las 07:00 h.É CURIOSO como no mes de setembro funciona con máis forza a sensación de poñer o contador da vida a cero do que ocorre cada primeiro de xaneiro. Agora, xusto despois das vacacións, cando a rotina queda rachada, é moito máis fácil botar novos compromisos sobre as costas. É como se todo resultase novo. Probablemente esa enerxía quedará diluída nas próximas semanas, despois da compra de tres exemplares dalgún coleccionable e unha ducia de citas no ximnasio. Ese espírito renovador, de comezo de curso, que se vive cada mes de setembro é seguramente unha das maneiras nas que a escola pervive con máis forza nas vidas dos que asistiron a ela de pequenos. A vida ten esas pequenas hipotecas que a xente suscribe sen autorizalas. Só así se explica que ano tras ano sexan milleiros os que compren fascículos completamente disparatados, dende os que aseguran unha competencia total na informática a través de material impreso -como se as novas tecnoloxías aínda non inventaran un modelo mellor de transmisión de datos e seguemento de cursos- ata os que prometen encher a casa de pequenas maquetas de casas doutras latitudes, coches de carreiras, pipas do mundo e cousas polo estilo. Non coñezo ninguén que teña rematado unha colección destas. Claro que tamén é raro que a xente bote todo o ano no ximnasio. Así que non é só cousa da cabeza.