¡ARRE HO! | O |
08 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.APROVEITO estas liñas que me brinda o xornal para pedir clemencia para un compañeiro xornalista. O bo do home aparece cada mañá pola oficina coa cara descomposta, cunhas bolsas debaixo dos ollos que xa parecen as do Froiz, e dun mal café que, quéirase ou non, acaba por afectarme, posto que senta xusto enfrente de min. O seu problema é que ao lado da ventá do seu piso, no Gorgullón, habitan dous galos de tamaño considerable e de gorxas poderosas. Coñezo un pouco o tema: na casa na que vivía ata hai unhas semanas espertábame, ao saír o sol, unha cotorra que se lle escapara a alguén da gaiola, cun canto melodioso que moi ben encaixaría en calquera tema de perreo, esa música do século XXI. O meu veciño de pupitre está pensando en resucitar prácticas bárbaras como a antiga corrida do galo de Vilaboa, ou, no seu defecto, gastar os aforros nunha escopeta de balíns con mira telescópica. Eu véxoo todos os días, e créanme, cada vez asústame máis, violento que se pon o rapaz. Así que, por favor, pola saúde do meu compañeiro e pola miña propia, pido a quen corresponda que lle poñan aos animais un medidor de decibelios. Senón xa o vexo durmindo no medio do Campillo, disfrutando da calma dun botellón orxiástico, que mellor lle irá.