¡ARRE HO! | O |
27 jun 2005 . Actualizado a las 07:00 h.O VERDADEIRO insulto para os galegos do exterior non é poñer en solfa se os seus votos deben ou non ser decisivos nas eleccións. O verdadeiro insulto é facelos partícipes dun sistema de votacións esperpéntico, que permitirá a quen perda sementar dúbidas sobre o resultado. O verdadeiro insulto é facer responsables dun procedemento aprobado e refinado aquí, a este lado do Atlántico, a aqueles que nas épocas máis miserentas da ditadura nos salvaron o cu cos seus envíos. O verdadeiro insulto é que agora se vistan de gardas da integridade democrática aqueles que durante anos se estiveron aproveitando das regandixas que deixa o método de sufraxio. ¿Por quen votaban ata non hai moito os mortos? ¿A que partido pertence ese abogado que se fachenda de ter o poder suficiente para ir á oficina de correos, onde ten moitos amigos, e arramplar, se lle peta, cun saqueto de papeletas para votar catrocentas veces no lugar doutros tantos? «Esto no había ocurrido en toda la historia de la democracia española», dixo onte Acebes, en torno aos presuntos manexos do PSOE en connivencia co embaixador para as comunidades no exterior, Cortizo. Pois non sei onde estaría el, o ex ministro, hai uns pouquiños anos. Eu estaba aquí e a miña impresión é moi diferente.