Un espectáculo

PONTEVEDRA

NA ÚLTIMA | O |

16 jun 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

HAI DOUS ou tres días no ano en que non apetece irse deitar pola noite. Son eses nos que o calor abafante do día torna, aínda mantendo os mesmos grados, nunha sensación agradable cando o ceo muda o sol polas estrelas. Son esas noites sen orballo, secas, sen vento, co aire parado, que invitan á conversa nunha terraza. Neses momentos hai que ser conscientes de que se está disfrutando dun regalo, un pequeno instante de felicidade completamente gratis. Pasa só dúas ou tres veces nun ano. É demasiado arriscado non aproveitar a ocasión, porque despois, nos meses da chuvia, cando a humidade estrangula á alegría e o ceo gris estropea os colores, o recordo dunha desas veladas vale para alimentar á esperanza ata a próxima vez. Hai unha illa no Mediterráneo na que os habitantes dunha vila mariñeira se xuntan para ver o solpor. Repíteno cada día do verán no que as nubes non estropean a función. A vista debe ser imponente, porque cando o sol se agocha no mar, todos os veciños aplauden durante un anaco. Parece unha forma adecuada de gratitude. Pero sobre todo é unha escusa perfecta para manter a consciencia sobre o valor das cousas. Un aplauso é o mínimo que merece o sol por ese espectáculo diario, pero irrepetible.