Algo terá que ter

MARTIÑO SUÁREZ

PONTEVEDRA

¡ARRE HO! | O |

02 jun 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

PONTEVEDRA, coma os do Xabarín, quere que os afiliados ao seu clube sexan 100.000. Esta semana coñeceuse o dato do padrón municipal que indica que xa son 80.000 os habitantes do concello. Algo terá que ter esta cidade para que á xente lle conveña vir vivir aquí, máis alá dos atascos quilométricos na sala de Urxencias do seu hospital, dos problemas de aparcamento, da proliferación inexplicable de nenos con calcetín pompón na praza da Ferrería, das diatribas sobre o traslado da súa industria máis polémica zanxados dun golpe por aquel que máis ordena, das disputas políticas por asuntos de calado coma os actos relixiosos ou as raíñas das festas, dun certo chovinismo rancio con respecto aos veciños da gran cidade do sur, das polémicas por quen vai ou quen deixa de ir ás procesións do Corpus, dunha preocupante división social, do embiguismo e do arraigo dos pontevedreses «de toda la vida», de certa vocación de urbe escaparate. Algo terá que ter Pontevedra, algunha viveza -eu creo que moita- haberá na súa xente para que ano tras ano bata as súas marcas históricas de poboación e para que deixase hai uns anos de ser o núcleo metropolitano máis pequeno de Galicia. É para ter en conta.