NA ÚLTIMA | O |

13 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

OFENDER Á XENTE é moito máis sinxelo que reparar despois o problema. Como exemplo vale a situación que leva agora a boa parte do mundo islámico a facer fortes protestas porque a uns soldados se lles ocorreu o disparate de botar follas do Corán por un dos retretes da prisión de Guantánamo. Coas cousas da fé convén ir con coidado, pois a miudo os que pretenden ofender fano dende a lixeireza de quen nin entende o mundo ao que busca desprestixiar nin dispón da capacidade para adentrarse nel. E dicir, son incapaces en crer. En moitas ocasións parece que tampouco de comprender. Esto último ven ao fío deses dous rapaces que se meteron a fin de semana pasada na misa a montar un escándalo. Reclamaban dereitos para os homosexuais con berros de borracho, pois tiveron que beber durante toda a noite para atreverse a entrar no templo e protestar contra o cura, darse bicos fronte ao altar, e mallar despois no sacristán que lles pediu que marcharan. En todo o asunto, o mellor foi a actitude do párroco, que lle quitou transcendencia ao asunto dicindo que a el lle parecera todo unha cousa de rapaces. Aí está a diferencia. Seguro que aos alborotadores esto último lles ofendeu profundamente, ao facerlles ver que non foran tan orixinais como pensaban.