NA ÚLTIMA | O |
03 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.CANDO a agulla se mete na carne, o frío do metal produce unha sensación estraña, como se se alterara só por un segundo a temperatura do corpo. A cosquilleo desaparece en canto comeza a sair o sangue. Entón o frío muda por un fluir quentiño, que se estende en círculos concéntricos dende o medio do brazo ata o resto do corpo. A operación repetiuse o ano pasado máis de cento vinte mil veces en Galicia. Medio litro de sangue por cada unha delas. Case sempre a escena ocorre dentro dun autobús. É un bo escenario, porque alí empeza unha viaxe de solidariedade que xa non acaba nunca, que arranca no impulso voluntario da xente e remata facendo o ben absoluto cando lle salva a vida a alguén. Eses autocares conseguiron que Galicia sexa xenerosa facendo regalos bombeados directamente dende corazóns anónimos. O mecanismo que se emprega é tan rudimentario como infalible. As bolsas teñen capacidade para un pouco menos de medio litro. Cando se enchen, un sistema similar a unha balanza fai que se accione unha especie de pinza que corta o fluxo dende o brazo do doador ata a bolsa. Entón, xa se pode retirar a agulla. E a sensación que xurde entón enche o corazón cun torrente de felicidade. E todo polo prezo de medio litro de sangue.