Impostos

MARTIÑO SUÁREZ

PONTEVEDRA

¡ARRE HO! | O |

16 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

EN OCASIÓNS dous feitos illados fan que un, ao relacionalos, se sinta pouco menos que estúpido. Esta semana chegoume á casa unha carta da Axencia Tributaria na que se me di que teño que pagar polo imposto da renda unha cantidade, certamente non moi elevada, pero teño que pagala. Ata aí todo ben: non entendo moi ben os criterios polos que se realizan eses cálculos, e teño tendencia a pensar que están ben pechados e que quen os leva a cabo o fai con toda a súa boa vontade. Pero fíxense que, xusto o mesmo día, vexo a través das páxinas da prensa galega que os tipos que me van administrar eses cartos anda á greña, coma nenos de parvulario, acusándose dunha cousa e da outra mediante enormes anuncios publicitarios, a cor, a dobre páxina, nos que cospen o que lles dá a gana a conta da pasta que me detraen. Non sei quen foi primeiro, pero cada vez que vexo esas páxinas de infundios que se lanzan á cara o Ministerio de Fomento e a Xunta encangrénome, e penso se non sería factible que, igual que un pode renunciar a destinar os seus impostos a financiar a igrexa católica, non podería haber un cadriño na declaración para explicitar que non, que non estamos dispostos a que nos tomen máis o pelo.