¡ARRE HO! | O |
11 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.TAMPOUCO quero quedar eu de herdeiro de Lázaro Carreter, pero é que creo estar detectando fenómenos paranormais no sempre chocante e aguerrido mundo da política. Ultimamente escoitei varias veces falar de «ocultismo» en relación co asunto da vida pública, e a cousa preocúpame. Di a Real Academia Galega que iso vén sendo o «conxunto de doutrinas e prácticas nas que se pode intuír a presenza de forzas sobrenaturais»; o dicionario da Real Academia Española conta máis ou menos o mesmo: «Conjunto de conocimientos y prácticas mágicas y misteriosas, con las que se pretende penetrar y dominar los secretos de la naturaleza», ou «dedicación a las ciencias ocultas». Con todo, cando foi a campaña do referéndum da Constitución Europea, lin un panfleto no que unha coalición independentista acusaba os redactores do texto de «ocultismo»; onte oínlle o mesmo aos portavoces do PP en relación co papel do Concello de Pontevedra na folga da recollida do lixo. E por moito que o intento non son capaz de ver nin a Giscard D'Estaing nin ao alcalde Lores aplicándose a ouija, vestindo bonequiñas vudú nin dándolle voltas á cabeza coma a nena do Exorcista. Pero pode ser, eu que sei.