NA ÚLTIMA | O |
17 mar 2005 . Actualizado a las 06:00 h.Durante a revolución que acabou co mandato disparatado de Reza Pahlevi, o sha de Persia, as manifestacións multitudinarias foron un elemento decisivo. As masas protestaban contra un monarca instalado nun mundo irreal, entolecido pola fortuna que o petróleo iraní lle proporcionaba, e que, sen embargo, non era capaz de canalizar cara o progreso do seu país. Comportábase coa desmesura de quen lle toca a lotería dun día para outro. Encargaba camións por centos que chegaban por mar metidos en modernos barcos. Estes non os podían descargar porque Irán non construira antes os portos necesarios. Cando se lograron desembarcar, acabaron apodrecendo porque tampouco había carreteras polas que transitar. Ryszard Kapuscinski, o xornalista polaco, viviu aquela revolución en primeira persoa. Como a información non fluia con liberdade, aprendeu a fixarse nos pequenos indicios que facían prever unha gran noticia. Descubriu que un tendeiro que sempre expuña mercancía fóra deixábao de facer en determinados días. Era o anuncio inequívoco de que ía haber unha manifestación masiva por aquela rúa. Como sucede case sempre, a verdade está nun detalle pequeno, no matiz que acaba por eclipsar desmesuras. Porque a sutileza do pequeno adoita ser máis efectiva que os grandes alardes, que son demasiado evidentes.